Persoal de ZF Dalphimetal Vigo mobilízase contra a precarización do convenio

Percorreu o polígono do Caramuxo para reclamar un acordo digno
Vigo - 07 Xun 2022

Boa parte do cadro de persoal de ZF Dalphimetal Vigo secundou onte a mobilización convocada pola maioría do comité de empresa (CIG, UGT e CUT) e percorreu en manifestación o polígono industrial do Caramuxo para rexeitar os intentos da compañía de precarizar o convenio colectivo. Dende a representación sindical denuncian actitude da dirección e reclaman un acordo digno.

A proposta de convenio de Dalphimetal para 2020-2023 é “total e absolutamente precaria” en materia salarial e suporía afondar na perda de poder adquisitivo que os arredor de 500 traballadores/as veñen arrastrando de convenios anteriores. 

A proposta da empresa suporía unha importante perda de poder adquisitivo

A empresa pretende un incremento total entre 2020 e 2023 do 6,5% (0%, 1,5%, 2%, 3%) que non se aplicaría en todos os conceptos, ademais de non contemplar revisión co IPC real. “Considerando que a previsión do IPC para ese período é, de momento, dun 12,07%, a proposta da dirección suporía unha perda de poder adquisitivo para eses anos dun 5,57% como mínimo”, critican dende o comité.

Diante disto, a maioría da representación sindical considera “inaceptábel” a proposta e anuncia que non abandonarán as “xustas e dignas” reivindicacións que tres centrais sindicais achegaron durante toda a negociación para manter o poder adquisitivo e para eliminar a fenda salarial existente. “Lonxe de eliminar esas diferencias, a proposta da empresa crearía novas diferenzas entre o cadro de persoal ao propoñer que un complemento se aplique de maneira porcentual en base á antigüidade, creando traballadores/as de primeira, de segunda e de terceira”.

Tomadura de pelo

Ao mesmo tempo, entenden que a empresa estivo “tomándolle o pelo” tanto ao comité como aos traballadores/as “dilatando” o proceso negociador, “xogando o gato e o rato”, e utilizando a estratexia do “desgaste” para intentar conseguir que o persoal e a representación sindical “se rendan” e acepten sen máis o que lle ofrecen a pesar de ser “unha esmola”.

Como exemplo citan o feito de que a suba de soldos proposta para 2021 sexa do 1,5% no salario base, xustificando a empresa que é o límite máximo que pode ofrecer. “Sen embargo, lemos na prensa que o cadro de persoal de Friedrichshafen (Alemaña) recibiu un bonus especial coronavirus de 1100 euros (que se podería traducir nunha subida dun 4% para un salario bruto de persoal directo de fabricación)”.