Persoal do 112 reivindica a xestión pública do servizo e condicións de traballo dignas

Desenvolveron unha concentración nas instalacións da Estrada con motivo do Día europeo do 112
A Estrada - 11 Feb 2026

Con motivo do Día europeo do 112, e malia a intensa choiva e o vento, persoal que atende este servizo en Galiza concentrouse no recinto da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada para reclamar condicións laborais e salariais dignas e a xestión directa e pública do 112 por parte da Xunta de Galiza. Hai que lembrar que este servizo, aínda sendo esencial na atención ás emerxencias, está privatizado e o persoal que o presta padece condicións de auténtica precariedade.

O comité tamén aproveitou a data conmemorativa para solicitar por rexistro unha reunión coa máximas responsábeis do 112, que depende da Consellaría de Presidencia, para trasladarlle a súa táboa reivindicativa. O persoal deste servizo leva anos demandando unha xestión 100% pública e unhas condicións de traballo que recoñezan a responsabilidade das tarefas que desenvolven e a forte presión psicolóxica que implica esta actividade.

Subliñan ademais que, polas súas características, este servizo precisa de persoas con moitos anos de experiencia para garantir a súa eficacia e eficiencia. Pero esta experiencia vese comprometida pola precarización bestial das traballadoras de máis recente incorporación “que nin teñen un contrato fixo nin un salario suficiente para poder vivir del”.

 Por iso, neste Día europeo do 112, as principais reivindicacións do colectivo son:

1.- Asistencia psicolóxica. Dentro do servizo hai unha cantidade elevada de baixas por ansiedade e depresión que tanto as persoas responsábeis da Xunta como da empresa ignoran de xeito continuado. Ademais, isto provocou que un número considerable de persoas traballadoras, mesmo con moitos anos de experiencia,  abandonaran o servizo por chegar a un límite psicolóxico inasumíbel.

2.- Incremento salarial conforme ás esixencias do posto de traballo e acorde á responsabilidade non recoñecida.

3.- Protocolos de actuación axeitados ao traballo e á emerxencia á que se teña que aplicar. Neste momento, os protocolos fanse de xeito improvisado e provocados polas queixas subxectivas que poidan manifestar altos cargos políticos ou responsábeis das empresas concesionarias de certos servizos de emerxencias. “O que menos lle preocupa á Xunta é resolver as emerxencias da cidadanía, só elaborar unha carta de servizo á cidadanía que non reflexa a realidade, pero que hai que cumprir para que ninguén denuncie ao 112 aínda que non se resolva”, advirte o comité.

4.- A xestión directa e pública do servizo do 112 por parte da Xunta de Galiza, coa asunción da totalidade do cadro de persoal actual e que se recoñeza o labor esencial que realiza este colectivo dignificando as condicións laborais “como xa se debería ter feito dende un principio”.