O persoal do CAPD de Redondela reclama máis seguridade tras confirmarse un positivo por coronavirus

Dende a CIG denuncian que se estivo a traballar sen material de protección
Vigo - 22 Mar 2020

O persoal do Centro de Atención a Persoas con Discapacidades (CAPD) de Chapela-Redondela reclama medidas de seguridade (mascarillas, luvas, gafas, etc) tras a confirmación dun positivo por coronavirus nun residente. Dende a CIG denuncian que os traballadores/as estiveron a traballar sen material de protección.

O temor e a preocupación estendeuse entre o cadro do persoal do CAPD esta mañá nada máis coñecerse a noticia de que un residente permanece illado no centro tras dar positivo por coronavirus. “Todo este tempo estivemos a traballar sen material de protección, porque o pouco que había gardábase para cando se detectase un caso de covid-19, e que hai agora var dar para pouco tempo”, explica un delegado da CIG que traballa no centro dependente da Consellaría de Política Social.

Por iso os traballadores/as non querían regresar ao seus domicilios un primeiro momento cando rematase a súa quenda de traballo, por medo a contaxiar as súas familias no caso de que tamén sexan portadores/as do virus. “De feito, temos un compañeiro que leva días na casa con febre”.

Reclamaban quedar confinados nalgún lugar habilitado ao efecto e tamén que se lles practicasen as probas para descartar posíbeis contaxios, mais tras unha asemblea coa dirección acourdouse seguir o protocolo e regresar aos seus domicilios adoptando medidas de prevención para evitar posíbeis contaxios entre os familiares.

En canto ás probas, tamén se lles informou que segundo o protocolo unicamente se lle realizarán a aquelas persoas que presenten síntomas. "Obviamente, non estamos conformes con este xeito de proceder, pero non queda outra que cumprir a normativa e seguir a atender as persoas que o necesitan".