Persoal do CHUAC mobilízase pola falta de aparcadoiro e rexeitar un futuro hospital con todas as prazas de pago

Explican que as obras reducen o estacionamento para pacientes e persoal, sen alternativa suficiente, e reclaman melloras nos accesos e no transporte público
A Coruña - 18 Nov 2026

Traballadoras e traballadores do CHUAC mobilizáronse este mércores no Hospital da Coruña para esixir solucións á falta de aparcadoiro, rexeitar a posibilidade de que no futuro hospital todas as prazas de aparcamento sexan de pago e reclamar medidas que melloren os accesos e o transporte público. A Xunta de Persoal explica que as obras do novo complexo xa reduciron os espazos dispoñíbeis para pacientes e persoal, e adverte que este problema se agravará a medida que avances os traballos.

Á perda de estacionamento súmanse aos atascos derivados das propias obras e da demolición do escaléxtric sen unha alternativa suficiente. “Acudir a unha consulta, acompañar unha persoa ingresada ou chegar ao posto de traballo implica dedicar cada vez máis tempo aos desprazamentos e á procura dun lugar onde deixar o coche”, subliñan.

Ademais, as deficiencias do transporte público na Coruña e a falta de conexións adecuadas desde os concellos da contorna impiden que sexa unha alternativa efectiva para moitas persoas. Para o persoal, esta situación “engade tempo e estrés antes de comezar a xornada; para pacientes e acompañantes, unha dificultade máis no acceso á asistencia”.

A previsión trasladada pola Xerencia á Xunta de Persoal é que no novo CHUAC todas as prazas de aparcadoiro serán de pagamento, tanto para o persoal como para pacientes. A representación do persoal rexeita que a renovación dun hospital público supoña consolidar un custo obrigatorio para quen necesita acudir a el e non dispón doutra alternativa de transporte.

Por iso na mobilización desta mañá esixiuse aparcadoiro gratuíto e suficiente durante as obras e no futuro complexo, unha planificación que anticipe a perda de prazas e medidas que melloren os accesos e o transporte público.

“A ampliación do CHUAC é necesaria, pero debe planificarse garantindo que pacientes e persoal poidan chegar ao hospital. As obras non poden servir de escusa para prolongar o problema nin para converter o aparcadoiro nun gasto permanente”, conclúen.