Persoal do Concello de Cariño esixe a negociación xa da RPT e unhas condicións laborais dignas

Critican que o alcalde leve anos demorando esta obriga pero non tardara nada en subirse o seu salario

Cariño -

As traballadoras e traballadores do Concello de Cariño concentráronse na mañá deste martes diante da Casa Consistorial para esixirlle ao alcalde que cumpra coa promesa de negociar a Relación de Postos de Traballo que permita, dunha vez, igualar as condicións laborais e unificar e actualizar as retribucións do persoal. A CIG-Administración, que convocou a protesta, denuncia que o alcalde leva varios anos demorando esta negociación "cando non  tardou nada en aprobar unha suba da súa propia nómina"

A secretaria da CIG-Administración de Ferrol, Carmem Viso Rubín, denuncia que o persoal do Concello carece da correspondente Relación de Postos de Traballo, obrigatoria para todas as administracións públicas, coas consecuencias que isto supón nas condicións laborais e na propia prestación dos servizos públicos. "Nunca se contou con este instrumento organizativo do persoal onde se regulan os postos de traballo existentes e as súas características, as retribucións e os requisitos de aceso", sinala.

A finais do ano 2017 foi contratada unha empresa externa (das Illas Baleares) para levar a cabo os traballos necesarios para avaliar, organizar e estruturar unha proposta de RPT que igualara as condicións laborais e unificara e actualizara as retribucións. Pero dende que remataron estes traballos "a negociación da RPT co alcalde non avanzou nada. Durante todo este período as súas respostas foron paciencia e escusas, non convocando as negociación ou incumprindo as reunións pactadas por el mesmo".

Por iso, advirte Vido que "neste momento acabouse a confianza e a paciencia" e que "xa ninguén se fía da palabra do alcalde". De feito, critica que dende o pasado mes de xullo "só sabemos da súa actividade partidaria e congresual pola prensa. Nin responde nin entregou a proposta firme de RPT na semana do 20 de setembro", como estaba previsto.

Diante desta parálise, a CIG convocou esta mobilización para visibilizar a insostíbel situación dun cadro de persoal a mínimos, onde non se repoñen as prazas vacantes e a carga de traballo ten que ser asumida polos poucos traballadores e traballadoras que quedan. De igual xeito, coa protesta quíxose denuncia "que a xustiza e a equiparación salarial só é para o alcalde (que se subiu o soldo a comezos desta lexislatura) e aqueles postos que el decide. Pois aínda hai persoal que segue a cobrar polo salario mínimo interprofesional, sen ter en conta a súa categoría".

Xunto a isto, a CIG demanda que se cumpra a lei vixente e o Concello conte cunha RPT que regule as relacións laborais, categorías, funcións e complementos; e que se respecten todos os dereitos laborais, colectivos e de representación.

Volver