• Nova

Persoal do Hotel Almirante mobilízase en Compostela contra o novo ERTE que vai aplicar a empresa

Concentráronse diante da Casa da Troia, tamén de Carrís Hoteles, en demanda dunha solución
Ferrol - 09 Xun 2022

Traballadoras e traballadores do Hotel Almirante de Ferrol concentráronse esta mañá diante do Hotel Casa da Troia, tamén da empresa Carrís Hoteles, para manifestar o seu rexeitamento diante da decisión da empresa de aplicar un novo ERTE para todo o persoal até abril de 2023. Na protesta, convocada pola CIG-Servizos, denunciouse a falta de interese por retomar a actividade do Almirante e a precaria situación na que queda o persoal, que desde o inicio da pandemia xa encadeou varias regulacións de emprego.

A CIG-Servizos de Ferrol denuncia que o máis preocupante deste novo ERTE é que o persoal xa ten parte da prestación por desemprego consumida "podéndose dar nun futuro a medio prazo a situación de que cando finalmente a empresa decida pechar (se é que así acontece) non teñan unha prestación o suficientemente longa para cubrir o período da busca do novo traballo".

O representante da CIG-Servizos, Xabier Rodríguez, advirte que o verdadeiro obxectivo de Carrís Hoteles con esta regulación é quitar de diante os traballadores e traballadoras mentres non se resolven os litixios que ten abertos co propietario do inmoble. Por iso, a central sindical non comparte os argumentos achegados pola empresa durante o período de consultas, que alega malas condicións debido a unha avaría no sistema de saneamento de augas fecais.

Avaría que é responsabilidade do Concello de Ferrol, "que xa leva meses reparada, e que o queda por facer son as tarefas de limpeza e reparación das máquinas danadas (bomba de achique, grupo electróxeno, etc.), das cales ademais tería que facerse cargo o Concello de Ferrol, nin tan sequera a empresa", explica o representante da CIG-Servizos.

Advirte da pouca intención da empresa Carrís Hoteles para pór en funcionamento o hotel ferrolá, "máis preocupada polo sostemento do resto de negocios que ten no país e no estranxeiro que por darlle unha oportunidade ao Almirante, dando a amarga sensación de que non amosan interese algún polo hotel máis emblemático e simbólico da comarca".

Hai que salientar que o persoal deste centro de traballo ten antigüidades "que se miden por décadas" e a maioría dos traballadores e traballadoras xa prestaban servizos neste establecemento antes da entrada de Carrís e das súas prácticas especuladoras.