Persoal do Quirónsalud maniféstase no hospital en demanda de melloras laborais e retributivas

Denuncian a discriminación salarial aplicada pola empresa entre os distintos colectivos
A Coruña - 30 Xun 2021

Traballadoras e traballadores do Hospital Quirónsalud (Santa Teresa) da Coruña realizaron este mércores unha manifestación entre a entre a porta principal de acceso ao hospital (na rúa Londres) e a entrada de urxencias (situada na rúa Ginebra), para esixir a fin das discriminacións salariais, unhas condicións de traballo dignas e que a empresa solucione, dunha vez, a sobrecarga de traballo que padece o persoal debido  asistencial.

Esta é a terceira protesta que o persoal realiza neste mes, logo de que a dirección comunicara a aplicación dun novo plus para o persoal de enfermería, mediante o que pretende cubrir as necesidades asistencias no período vacacional. Esta medida, que a presidenta do comité, Laura Méndez, cualifica de parche, adóptase polo déficit estrutural de persoal que sofre o hospital en todas as categorías (con maior afectación en enfermería) debido ás cativas condicións laborais e salariais que ofrece a empresa.

Engade que esta falta de efectivos provoca que o persoal teña que asumir un enorme sobreesforzo para poder atender a carga asistencial que rexistra o hospital. A este respecto Méndez lembra que o Quirónsalud ten un concerto co SERGAS e neste momento, o sistema público está derivando un inxente volume de doentes á privada para poder sacar adiante as listas de agarda cirúrxicas -moi atrasadas debido á parálise sanitaria por mor da pandemia-, así como tamén deriva pacientes de medicina interna.

Parches que non solucionan o déficit estrutural de persoal

Xa no ano 2019, nun intento de reter as e os profesionais, a dirección puxo en marcha un plan de incentivos fóra de convenio que non resolveu os problemas pero afondou nas desigualdades salariais entre os diferentes colectivos de traballadoras/es.

A presidenta do comité denuncia que durante a negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña, o grupo Quirón, a pesar de ser unha das patronais máis importantes do sector, negouse a abordar melloras nas condicións laborais e retributivas, rexeitando incluso asumir o pago do traballo nos domingos. Pouco despois de asinarse o convenio, Quirón aparecía con esa primeira proposta retributiva discriminatoria que agora quere reeditar.

Neste senso, Méndez critica que empresa "siga sen dar resposta ás demandas históricas do persoal relativas á xornada, nocturnidade, festivos, domingos, aumento de ratio de persoal en todos os servizos etc.". Senón que, pola contra, nestes últimos anos os traballadores e as traballadoras sufriron unha progresiva vulneración dos seus dereitos laborais máis básicos, que se veu agravada co inicio da pandemia da Covid-19.

A emerxencia sanitaria deixou en evidencia a precariedade laboral, mais tamén a falta de recursos humanos e técnicos "e a mala xestión da dirección do hospital, que antepón, en momentos moi críticos, os seus beneficios empresariais á saúde dos/as seus traballadores/as".