Persoal do Sabadell concéntrase en Compostela contra a pretensión de pechar o 38% das oficinas

A entidade quere despedir a 1.936 traballadoras e traballadores
Nacional - 23 Set 2021

Traballadores e traballadoras do Sabadell sumáronse esta mañá á mobilización conxunta convocada diante de dúas das oficinas que o banco ten en Santiago para manifestar o seu rexeitamento á pretensión da entidade de despedir a 1.936 persoas e pechar o 38% das oficinas en Galiza.

Seguindo o camiño marcado por outras entidades, o Banco Sabadell, que xa no primeiro trimestre deste ano se desfixo de 1.800 traballadoras e traballadores, agora presentou un ERE ara despedir en todo o Estado a 1.936 persoas máis. As xustificacións, segundo explicou o secretario da sección sindical da CIG, Andrés Río, son iguais que as dos demais. De feito, quen asesora ao banco é o mesmo bufete de avogados especialistas en despedimentos no sector financeiro.

Entre outras cuestións a entidade alega a maior dixitalización da clientela, que cualifican de “forzada e inmoral”, para a que aproveitaron a situación de pandemia que vivimos desde o ano 2020, cando, afirman, “a clientela o que demanda é atención presencial”. Como demostración Río apunta as longas colas e a sobrecarga de traballo que se acumula nas oficinas. “Expulsan á clientela das oficinas para xustificar despedimentos”, lamentan.

Xunto a isto explican que o banco di que ten unha baixada de marxes e de rendibilidade, “mentres acribillan a comisións ás e aos clientes e restrinxen servizos, ao tempo que declaran beneficios de 220 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, un 51% máis que o ano pasado”. Por iso consideran que “a única meta do Banco Sabadell é repartir un dividendo do 30% do beneficio ao seu accionariado”.

Redución de custos de persoal

Para a sección sindical da CIG, o que buscan é reducir custos, mais reducindo só os custos de persoal, que é quen produce os beneficios.

Nese sentido apuntan a contradición de terse a entidade desfeito de 1.800 persoas a principios deste ano para contratar a 200 persoas despois “porque non daban feito co traballo”. Isto xunto coa contratación dunha decena de colaboradores con salarios millonarios para reorganizar a cúpula directiva e a quen sinalan como “fichaxe estrela”, César González-Bueno, ao que acusan de estar “á fronte desta nova desfeita de despedimentos”.

Sen derrogar a reforma laboral

A sección sindical da CIG lembra que as entidades bancarias poden acometer este tipo de medidas “porque o goberno actual non derrogou as reformas laborais que permiten ás empresas con beneficios executar despedimentos mediante Expedientes de Regulación de Emprego, e que non pon coto a esta restruturación salvaxe do sector financeiro”.

Propostas da CIG

A CIG expuxo as súas alternativas para evitar os despedimentos, recuperación do traballo bancario que está exteriorizado, recolocación noutros postos dentro do banco e un plan de prexubilacións pactadas con condicións dignas a cargo da entidade se realmente houbese excedente.

Nesta mobilización, a primeira desde que se anunciou este ERE, anunciaron xa novas datas de mobilización para os próximos días 30 de setembro, e 4, 5, 6 e 8 de outubro.