Persoal do sector da hostalaría da provincia da Coruña clama por unhas condicións dignas

Os sindicatos denuncian que a patronal mantén paralizada a negociación do convenio e pretende recortar dereitos, como o complemento de IT
A Coruña - 21 Ago 2025

Persoal do sector da hostalaría da provincia da Coruña mobilizouse onte no peirao Calvo Sotelo, coincidindo coa celebración do evento gastronómico The Champions Burger, para denunciar o bloqueo das negociacións do convenio colectivo por parte da patronal do sector, que se nega a pactar melloras laborais e pretende recortar dereitos como o complemento de Incapacidade Temporal (IT).

Dende as centrais convocantes da protesta -a CIG, CCOO e UGT- sinalan que mentres o sector hostaleiro medra en Galiza “a pasos de xigante,” grazas a que se rexistran máis visitantes “que nunca”, e as empresas baten récords de facturación e benefícianse do aumento dos prezos, “o persoal segue a loitar para non perder o pouco que ten”.

Neste senso, lembran que a negociación do convenio provincial, que debera de comezar en xaneiro de 2025, está bloqueada pola patronal, “que actúa con prepotencia e desprezo, negándose a mellorar as condicións laborais e querendo recortar dereitos básicos”.

Entre outras cousas, pretende eliminar o complemento IT, que garante o 100% do salario durante a baixa ao longo de 12 meses. “Isto é un ataque directo ás nosas familias e á nosa seguridade”, censuran. Unha situación non é casual, xa que “o empresariado busca negociar a longo prazo para evitar pagar atrasos, mentres enche os petos cos récords turísticos e o aumento desmesurado dos prezos”.

Fronte a isto, reclaman salarios dignos, que teñan en conta a inflación e o crecemento do sector, unhas condicións laborais que respecten a saúde e os dereitos e xornadas xustas e conciliación real.