Persoal do sector da limpeza de Ourense retoma as protestas ante a ruptura das negociacións do convenio provincial

As empregadas/os mobilízanse todos os martes e xoves diante da sede da patronal
Vigo - 26 Mai 2016
As traballadoras/es do sector da limpeza de Ourense decidiron retomar as mobilizacións tras a ruptura das negocións para renovar o convenio provincial a causa do inmobilismo da patronal, que só está disposta a un aumento salarial do 0,5%. O persoal afectado desenvolve concentracións diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Ourense (CEO) todos os martes e xoves de 11.00 a 12.00 horas.

Tal e como explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, as empregadas/os da limpeza decidiron volver ás protestas unha vez que as conversas para renovar o convenio provincial ficaron rotas. Lembran que as negociacións retomáranse un par de meses atrás tamén grazas á presión das afectadas/es, que desenvolveron un intenso calendario de mobilizacións.

 Mais a patronal do sector volveu dar mostra da súa falta de vontade para chegar a un acordo ao propor unicamente unha subida de soldos do 0,5%. Dende a central nacionalista salientan que o convenio permanece sen actualizar dende hai máis de tres anos.