Persoal do sector de enxeñarías mobilizouse en Applus para reclamar condicións salariais e laborais dignas
Persoal do sector de enxeñarías mobilizouse este mércores diante da sede de Applus Norcontrol en Sada para reclamar un convenio colectivo digno, con condicións salariais e laborais xustas, que estabeleza unha correcta clasificación profesional, que poña en valor o esforzo que asumen as traballadoras e traballadores e que regule unha verdadeira carreira profesional.
Con esta protesta quérese denunciar a precariedade que hai neste sector (que engloba ás empresas de enxeñaría, laboratorios técnicos, empresas de control de calidade etc.), no que os tres tramos inferiores dos nove niveis profesionais que existen no convenio xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional e no que o persoal ten os soldos conxelados dende o ano 2024.
Este convenio, critica o responsábel do sector na Coruña, Sergio Toucedo, “está deseñado para facilitar a subcontratación e para perpetuar unhas condicións de miseria, xa que non permite desenvolver unha carreira profesional. É dicir, unha persoa que entra como auxiliar de laboratorio -nivel no que se encadra a metade do persoal- seguirá na mesma categoría aínda que leve 20 anos traballando, sen que se lle teña en conta a experiencia adquirida nin a responsabilidade que asume”.
Avanza que, tras 20 convenios asinados en Madrid, “todo apunta a que nesta negociación se consagrará a precariedade absoluta no sector”. Neste senso, Toucedo alerta que CCOO, que ten a maioría na mesa, incluso presentou unha proposta inferior á trasladada pola patronal.
Neste contexto, acordouse convocar unha mobilización este mércores en Applus Norcontrol, xa que é unha das principais empresas do sector e das que maior número de traballadores e traballadoras ten. Nas oficinas de Sada, a empresa emprega a unhas 500 persoas, nas de Vigo a unhas 160 e en Ourense conta con 45.
A principal reivindicación do persoal, engade Toucedo, pasa pola creación dunha nova estrutura de táboas salariais que evite que os niveis inferiores sexan absorbidos sistematicamente polo SMI e que permita manter as diferenzas salariais entre as distintas categorías profesionais; e que se garanta a recuperación do poder adquisitivo perdido; a aplicación de subas retributivas por tramos e sostidas no tempo para recortar as diferenzas salariais.
Así mesmo, a creación de complementos non compensábeis nin absorbíbeis, posto que na actualidade as tres categorías inferiores vén absorbido o complemento de antigüidade co SMI, deixándoo en papel mollado.
Xunto a isto, actualizar e mellorar as dietas e gastos de desprazamento; definir claramente as categorías profesionais para que cada persoa estea encadrada na que lle corresponde polas tarefas que desenvolve e un sistema de carreira profesional que garanta a promoción interna e poña en valor a experiencia; ou a creación dun novo permisos de horas médicas e medidas que permitan conciliación laboral e familiar.
A CIG chama o persoal do sector "a estar atento ás vindeiras accións que levaremos adiante para conquerir un convenio digno".