Persoal do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra exixe a equiparación salarial e laboral

Critica a negativa da empresa concesionaria, Veolia Grupo Norte, a negociar e o desinterese do Sergas nas condicións de traballo
Pontevedra - 18 Xul 2025

Traballadores e traballadoras do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra continuaron este venres coas mobilizacións diante do centro médico para reclamar a equiparación das condicións salariais e laborais ás que xa ten recoñecidas o persoal de mantemento doutras áreas sanitarias.

A CIG critica que, tras máis dun ano tentando abrir unha mesa de negociación, nin a empresa adxudicataria do servizo, Veolia Grupo Norte, nin o SERGAS amosaron disposición para avanzar nos dereitos deste colectivo.

A compañía aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, mais este non se axusta ás funcións características que desenvolve esta persoal (como as gardas localizadas, traballo en quendas, horario nocturno, etc). Por iso demandan melloras laborais e salariais por riba do convenio, coas que si conta por exemplo o persoal de Veolia que traballa no mantemento dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no comarcal do Salnés. 

A representación social mantivo hai case dous meses unha reunión con responsábeis da área sanitaria para solicitarlles que a Xerencia facilitase un encontro coa empresa para abordar estras cuestións, “pero a día de hoxe aínda seguimos sen noticias”. “A Xerencia non contesta e a empresa non quere negociar”, denuncia Anxo Lúa, secretario da CIG-Industria de Pontevedra.

Neste contexto, o persoal realizou unha primeira concentración diante do Hospital Provincial o pasado 3 de xullo e ante a falta de avances, acordou repetir mobilización este venres. Ademais, xa adiantan que non descartan convocar novas medidas presión se a empresa e a administración sanitaria seguen sen querer negociar, pois o obxectivo “é que estas melloras se incorporen ao prego de condicións do concurso, cuxa concesión remata este ano, para que se consoliden e sexan respectadas pola seguinte empresa que asuma o servizo”.