Persoal do transporte de mercadorías mobilízase en Compostela en demanda dun convenio provincial digno

As centrais sindicais critican a negativa da patronal a garantir salarios dignos e negociar a mellora das condicións laborais
Santiago de Compostela - 16 Xul 2026

Persoal do transporte de mercadorías por estrada continuou este xoves en Compostela o calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno na provincia da Coruña. Neste ocasión, a protesta realizouse na rotonda de entrada do Polígono do Tambre, xa que conta cun intenso movemento de mercadorías. A próxima mobilización será o día 23 de xullo en Ferrol e, de non producírense avances, os sindicatos non descartan intensificar as medidas de presión.

As tres centrais sindicais explican que en agosto pasado se asinou un acordo para o ano 2025 relativo á suba económica coa idea de non seguir acumulando meses co convenio caducado e propiciar a negociación dun convenio plurianual.

O compromiso de ambas partes era que esa nova negociación contaría, ademais da suba económica, con melloras na xornada e na remuneración do traballo nocturno, en domingos, do tempo de presenza, así como melloras para o persoal de almacén e administración ou o recoñecemento de novas realidades no sector como son o emprego de camións megadúos ou trens de estrada, entre outras. Porén, e malia o contexto de medre da carestía, a patronal non quere agora tratar moitas destas cuestións nin asumir unha garantía sobre os salarios.

Un sector pouco atractivo

Logo de meses de negociación, o empresariado presentou unha oferta económica que, para o ano 2026, resulta mesmo inferior ao IPC interanual de xuño, ademais de afectar só ao salario base, sen actualizar así o resto de conceptos (antigüidade, plus de larga distancia, dietas, etc). Para máis prexuízo, pretenden que os salarios só suban desde a sinatura do convenio e non desde o día 1 de xaneiro, algo que resulta inaceptábel para a parte social.

Os sindicatos denuncian que con estas propostas o empresariado busca afondar máis na enorme perda do poder adquisitivo do sector, que nos últimos anos acumula máis do 12%, xa que se só se recolleu o custe real da vida no acordo de 2025. Con estes salarios e as duras condicións de traballo no transporte, advirten, resulta imposíbel atraer a novas persoas traballadoras ao sector.

Sinalan que a pretensión da patronal é repercutir cara a abaixo os costes e que volvan ser os cadros de persoal os que lles financien as empresas para competir no mercado con compañías máis grandes. Por todo isto, CIG, CCOO e UGT acordaron iniciar un calendario de mobilizacións e unha campaña de información no sector para darlle a volta a esta situación de “parálise e cerrazón” por parte da patronal.