Persoal dos centros sociaculturais concéntrase diante do concello de Santiago en demanda dunha negociación

Ven os seus dereitos laborais en perigo tras da publicación dos pregos para as novas contratas
Compostela - 31 Mar 2022

Persoal da Rede de Centros Socioculturais de Santiago concentrábase esta mañá na Praza do obradoiro, diante do concello, para reclamar do goberno municipal seren escoitados e que se abra a unha negociación coa representación sindical para garantir os seus postos de traballo preservando os dereitos laborais.

Segundo explica o comité de empresa, o pasado mes de outubro do 2021, “con retraso e sen contar en ningún momento coa opinión, proposta e parecer das traballadoras e traballadores do servizo”, o Concello de Santiago publicou os pregos para as novas contratacións que xestionarán a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago.

A súa primeira sorpresa foi que segundo estes, o servizo será dividido en catro lotes: animación, novas tecnoloxías, bibliotecas e atención ó público. “Catro lotes para catro empresas. Catro lotes de traballadoras e traballadores que vén como a súa forza sindical e negociadora ten os días contados ó ser totalmente esfarelados”.

O comité sinala que “as sorpresas foron máis”, algo que consideran “esperable” tendo en conta que o Concello “nunca recibiu nin escoitou as propostas e peticións” deste comité durante a elaboración de ditos pregos.

Máis precariedade

Así, denuncia que “nun alarde de oligarcas municipais, o concello de Santiago, con Bugallo á fronte, o concelleiro Javier Fernández e o responsable de Centros Socioculturais, Enrique Vázquez Naveira, elaboraron e publicaron uns pregos que levan ó persoal do servizo á máis profunda precariedade, que xa non era pouca”.

Neste sentido asegura que as novas contratacións sairán máis baratas porque non se axustarán ao convenio propio; que se reducen horas “nas que sobra parte do persoal que xa está en activo, neste momento, e debe ser subrogado por lei; que figuran esixencias de formacións específicas que até o momento non se viñan esixindo; que se crean catro coordinacións diferentes que non están contempladas no orzamento e que non se toman en consideración, na partida económica, os requisitos de suba salarial do convenio propio.

A isto engaden a asignación obrigada do lote de Atención ao público a un Centro Especial de Emprego que require un mínimo porcentual de persoas con discapacidade. Temas que, afirman, “conducen, sen remedio, ao despedimento e á precarización do persoal en activo no servizo”.

Ningunha empresa concursou ao lote de Novas Tecnoloxías

O comité apunta ademais que ningunha empresa quixo concursar ao lote de Novas Tecnoloxías, principalmente pola ausencia dun orzamento xusto para manter este servizo. “Ante este lote deserto, e malia as numerosas peticións por parte do comité, o Concello non responde a dúbidas, nin aclara a situación”.

Por iso o comité pregúntase que pasará con este servizo e se terán aínda máis despedimentos dos agardados. Unha situación fronte á que demandan que se remunicipalice un servizo que é de toda a cidadanía.