Persoal dos PAC denuncia a imposición de aumentos da xornada durante a folga
O comité de folga dos Puntos de Atención Continuada (PAC) vén de denunciar a actitude da Xerencia de Vigo e do Goberno da Xunta despois de que ameazasen os traballadores/as con impoñerlle aumentos de xornada ao persoal médico e critican que non se teñan en conta as propostas dos e das profesionais.
Dende a representacións dos traballadores/as dos PAC explican que o pasado día 6, no marco dunha reunión coa Xerencia viguesa na que tras informar da nula eficacia das medidas tomadas pola propia Xerencia, comunicóuselles o inminente aumento de xornada e cambios nos calendarios. “Malia as propostas realizadas polos/as traballadores/as, apoiado pola maioría do colectivo, a Xerencia non contempla as medidas achegadas como posíbel solución aos problemas de persoal”, lamentan.
Entre estas medidas atópanse a solución do conflito dos PAC, contratos dignos para os MIR de Familia que rematan os próximos anos, un plan de continxencia con gardas localizadas e pagadas para imprevistos e oferta de voluntariedade incentivada e por tramos.
Así mesmo, esixen que a Administración tome medidas reais para solucionar unha escaseza de persoal da que é responsábel como consecuencia dos contratos lixo, a precariedade laboral ou a taxa de reposición do 10% que expulsou aos profesionais á sanidade privada ou á emigración.
Imposicións, coaccións e ameazas
Paralelamente, o PP fixo públicas no Parlamento, mediante o seu voceiro de sanidade, as medidas que pretenden aplicar, como son o peche de PAC e os chamamentos 24 horas antes a golpe de burofax con aviso de expediente en caso de rexeite de contrato.
Tamén anunciou que atenderán determinados puntos das reivindicacións, como contar con roupa de traballo axeitada, os EPI ou o cobro de dietas, cuestións que en ningún momento se abordaron na comisión técnica nin co comité de folga e que a día de hoxe non se evidenciaron en ningún PAC de Galiza”.
“A estas medidas impostas, á coacción e ás ameazas é ao que chaman a Xerencia, o Sergas e a Xunta diálogo”, censuran dende o comité de folga. Finalmente, lembran que a día de hoxe o Sergas non deu ningún paso para sentarse co comité de folga para desbloquear unha situación que non fai máis que agravarse con estas decisións, “o que vai a obrigar o persoal a tomar medidas máis contundentes”.