Persoal dos PAC inicia peches en Vigo e Ferrol coincidindo con novas xornadas de folga

En Compostela concentráronse diante do centro de saúde
Nacional - 27 Nov 2018

Traballadores/as dos PAC de Vigo, Ferrol e Compostela retomaron hoxe as mobilizacións coincidindo co inicio de novas xornadas de folga, que se desenvolverán até o vindeiro 17 de decembro para reclamar máis persoal e a mellora das condicións laborais e da atención ao usuario/a. Denuncian sobrecarga de traballo, falta de equipos de seguridade e discriminación, polo que insisten na equiparación coas condicións laborais do resto de persoal do Sergas.

En Vigo e Ferrol optaron por iniciar peches de 24 horas nos PAC, mentres que en Compostela concentráronse ás portas do centro de saúde. O xoves teñen previsto celebrar unha xuntanza á que está previsto que acuda persoal de todos os PAC para decidir a súa estratexia de cara á mesa sectorial convocada para este venres polo Sergas.

Dende a representación do persoal denuncian que malia que os profesionais dos PAC estiveron un mes en folga e a pesar das reiteradas afirmacións da Administración nas que manifestaba a súa disposición a dialogar e a chegar acordos, “a realidade é que non houbo ningún contacto co comité de folga para negociar co obxectivo de atender as reivindicacións do colectivo”.

Ademais, sosteñen que neste tempo endurecéronse as condicións de traballo, sobre todo do colectivo médico, “ao que se lle está a estender a xornada a golpe de burofax”. Ao mesmo tempo, deixouse sen cubrir a presenza de facultativos/as en numerosas ocasións en varios centros. Por exemplo, na área de Vigo sucedeu no PAC da Guarda, en Redondela e en Moaña. “Esta é a forma de negociar do Sergas: peores condicións para as traballadoras/es e peor servizo para as usuarias/os”. 

As "durísimas" condicións de traballo fan que o 15% do persoal da área de Vigo se atope de baixa

Denuncian que as durísimas condición de traballo que padece o persoal da área viguesa fan que un 15% dos traballadores/as se atope en situación de incapacidade temporal, ao tempo que advirten que “non sería estrano pensar que nas próximas semanas esta proporción puidera aumentar pola presión á que a EOXI de Vigo está a someter os seus empregados/as”.

Sinalan que na práctica suspendéronse case todos os permisos, polo que é moi difícil poder acollerse a una redución de xornada por coidado de fillo/a ou persoa dependente. “É unha lotería poder gozar dun día de libre disposición aos que por lei temos dereito; é un senvivir planificar unha viaxe en vacacións porque quizais a última hora sexan denegadas”.

Neste senso, sinalan que “a última volta de torca” é a de obrigar aos facultativos/as a realizar xornadas de 17 ou 24 horas nos seus períodos de descanso e avisando con moi pouco tempo de antelación. “Recentemente unha compañeira con dous fillos menores a cargo viuse obrigada por necesidades do servizo a realizar una xornada de 65 horas nunha semana, a maioría delas en tramo nocturno e festivo”.

Maiores problemas nos concellos pequenos

No caso de Compostela a situación non é das perores porque, como explica María Josefa López Pérez, médica do PAC, “temos o servizo de Urxencias do Hospital Clínico xusto enfronte”.

En todo caso subliña que o seu radio de acción é moi amplo xa que abrangue a uns 200.000 habitantes e a varios concellos de arredor da capital de Galiza. “Se temos que saír a un domicilio temos igual dúas horas para ir e volver, salvo que se nos complique que pode ser un pouco máis, pero por sorte, os equipos aquí están completos”.

López Pérez sinala que os problemas son maiores nos concellos máis pequenos. “Se hai só dous médicos/as e un/ha enfermeiro/a e hai que saír a un domicilio queda un médico/a só. Se xorde unha cousa seria e grave precísanse dúas persoas como mínimo. Se tes un infarto un médico/a só pode facer até un límite nada máis”.

Por iso demandan máis persoal para dotar os PAC dos medios humanos necesarios para garantir a mellor atención posíbel ás/aos doentes. Mais non só iso. Reclaman tamén que se cumpran cuestións acordadas -e esquecidas polo Sergas- desde 2008. A modo de exemplo, esta médica do PAC compostelán enumera cuestións ás que debían ter dereito por lei como un permiso por enfermidade dun/ha familiar. “Eles aplican unha fórmula un pouco enganosa pola que quedamos debendo horas, que son cartos”.

Gardas localizadas obrigatorias

Xunto a isto, María Josefa López lembra tamén que teñen desde 2008 sen pagar un 2% de noites e festivos que tamén reivindican.

Ademais están en contra de que o Sergas lles impoña facer gardas localizadas obrigatorias e piden que se reorganicen doutro xeito os servizos ou roupa para saír a un accidente, “porque agora temos que saír cos pixamas para atender na rúa”.

Respecto dos criterios de produtividade do Sergas, a portavoz do PAC de Compostela sinala que si se inclúen no borrador que a Administración sanitaria vén de remitir, aínda que non se impón unha porcentaxe concreta -antes era do 9% de derivacións- e deixa en mans das xerencias a negociación sobre esta cuestión. Con todo, afirma que “a iso xa moito caso non lle faciamos, porque se consideramos que se hai que derivar a un/ha doente facémolo, non vamos a condicionar esa decisión a que nos poidan penalizar ou non”.