6 de novembro: folga do persoal de discapacidade, protección de menores e infantil 0-3 por convenios dignos
O persoal dos sectores de discapacidade, protección de menores e reforma e educación infantil etapa 0-3 mobilizarase mañá, xoves 6 de novembro, en Santiago de Compostela para reclamar convenios colectivos galegos que dignifiquen as condicións laborais e salariais. Esta será a primeira vez na historia de Galiza que estes tres colectivos laborais (que prestan un servizo público esencial pero en centros de xestión privada ou privatizada) unan forzas nunha xornada de folga conxunta.
O paro foi impulsado pola CIG e á convocatoria tamén se sumaron SNEP (que ten representación nas escolas do primeiro ciclo de infantil de xestión privada) e a CUT (con representación en menores).
Para darlle visibilidade ás súas lexítimas reivindicacións, o persoal manifestarase ás 12 horas arredor do complexo administrativo da Xunta en San Caetano. Tamén se dará lectura a un manifesto instando a intermediación da consellaría de Política Social que, malia ter todas as competencias nestas materias, segue sen querer escoitar as demandas das máis de 5.000 traballadoras e traballadores destes ámbitos e sen implicarse na constitución dun marco galego de negociación.
O responsábel de Ensino Privado da CIG, Henrique García, critica este desleixo de Política Social que choca coa contundencia á hora de decretar uns servizos mínimos abusivos que supoñen unha clara vulneración do dereito fundamental á folga “xa que os centros de atención á discapacidade, das escolas infantís 0-3 e dos centros de reforma e protección de menores teñen que prestar o servizo case coma un día normal de traballo”.
Máis axustada resulta a actividade mínima decretada pola Consellaría de Educación para os centros que son da súa competencia, así como os servizos mínimos determinados por algúns Concellos para as escolas infantís municipais das que son titulares, pero que teñen a xestión privatizada.
Chamamento ás patronais a sentar negociar
O representante da CIG tamén fai un chamamento a todas as patronais (AEDIGAL e INRED de discapacidade, AGACEME e GAFIX de menores e AGADEI de infantil 0-3) a que faciliten o dereito á folga do seu persoal en lugar de obstaculizalo, e que sexan valentes na liña de constituír mesas negociadoras no Consello Galego de Relacións Laborais en cada un dos sectores, “co fin de dignificar as condicións laborais e salariais do seu persoal, pero tamén de garantirse un financiamento axeitado para prestar os servizos esenciais que a administración delega nelas”.
Hai que salientar que a maioría dos centros de protección de menores e reforma e de atención á discapacidade que existen en Galiza están xestionados por patronais, asociacións e empresas privadas que dependen da administración ao ser entidades sen ánimo de lucro. Por decisión política, a administración abandonou a xestión directa destes servizos públicos (que atenden a persoas en situacións de máxima vulnerabilidade) concertando ou conveniando a súa xestión con entidades privadas a baixo custe. Tanto que as propias entidades se queixan da falta de financiamento suficiente para dar un servizo decente.
No caso da atención á infancia 0-3 anos, a decisión da Xunta de universalizar a gratuidade deste servizo non supuxo ningún avance nas ratios nin mellora das condicións laborais das traballadoras que, a pesar de realizar un traballo igual ao que se presta por exemplo na rede pública de Galiñas Azuis, seguen percibindo salarios no limiar do SMI.
García insiste en que ter convenios galegos é a única vía real e posible para darlle resposta ás reivindicacións do persoal traballador dado que os tres convenios estatais polo que se regulan estas actividades, “negociación tras negociación non resolven a precariedade existente” e mesmo inciden en discriminacións entre o persoal ao estabelecer táboas salariais diferenciadas entre os contratos de nova licitación e os que están en vigor. Ademais lembra que estes convenios galegos serían garantista ao prevalecer agora no Estatuto da persoas traballadoras sobre os estatais.
Mobilización para avanzar en dereitos
Por iso, anima ao persoal a secundar a folga e participar da manifestación xa que só coa mobilización e a loita se poderá avanzar en dereitos. E pon o exemplo do anuncio da administración galega de facerse cargo, aínda que tarde e só de maneira parcial, da suba salarial do XVI convenio estatal de discapacidade desde xaneiro deste ano.
“De non producirse as campañas e mobilizacións convocadas pola CIG-Ensino e secundadas maioritariamente polo persoal traballador isto non se tería producido. Pero hai que seguir loitando, é o momento de dar un golpe na mesa e exixir dereitos, salarios dignos, recoñecemento profesional e uns servizos sociais de calidade”, conclúe.