Persoal e familias da Escola Infantil de Vilagarcía mobilízanse para reclamar a licitación do servizo ou a súa remunicipalización

Desenvolveron unha concentración diante do Concello este sábado convocadas pola CIG
Vilagarcía - 16 Feb 2026

Persoas traballadoras e familias usuarias da Escola Infantil Municipal de Vilagarcía, que xestiona a empresa Bonecos, mobilizáronse este sábado 14 de febreiro convocadas pola CIG para reclamar a remunicipalización do servizo ou súa licitación inmediata co obxectivo de rematar coa dobre escala salarial e cos problemas derivados da falta de persoal.

Dende a central sindical lembran que hai xa un ano que comezaron a denunciar publicamente a situación irregular na que se atopa o centro, sen que até o de agora exista un compromiso concreto por parte do Goberno local. “É de xustiza que se dea unha solución canto antes a este problema, e non queremos chegar de novo a outro inicio de curso sen ter arranxado a situación”, sinalan.

Ao tempo que fan fincapé en que a Lei de contratos do sector público di expresamente que os contratos de subministración e servizos teñen unha duración máxima de cinco anos, incluíndo posibles prórrogas, “pero neste caso levan máis de 30 anos co mesmo contrato, polo que queda claro que sempre houbo un trato de favor por parte de todos os gobernos con este servizo, mantendo no tempo unha irregularidade e falta de transparencia ao impedir a súa licitación pública e que calquera empresa poida concorrer libremente ou que o servizo poida ser remunicipalizado”.

De feito, na sesión plenaria do 8 de xaneiro de 2026 aprobouse un acordo por unanimidade de toda a corporación municipal “do que non se cumpriu nin unha soa coma do seu contido”. E todo isto a pesar da consecuencias negativas que a situación lle está a provocar ao persoal da escola dende a publicación do convenio colectivo en xuño de 2025, no que se crea unha dobre escala salarial para as escolas infantís que estean licitadas antes ou despois da súa publicación.

Neste caso os persoas traballadoras da Escola Infantil Municipal de Vilagarcía experimentaron unha perda salarial de 200 mensuais dende xaneiro até agosto de 2025 e de 222’22 euros a partir de agosto, o que supón unha perda de entre 2800 e 3200 euros o ano pasado, cando o salario mes dunha educadora e de 1200 euros.

“Por iso canto máis se tarde en licitar o servizo, máis prexuízos se lles está a causar por unha cuestión da que o único responsábel é o Concello de Vilagarcía ao estar atrasando o proceso”. Ademais, na central sindical entenden que o Goberno local ten que resarcir dalgún xeito as traballadoras polos salarios deixados de percibir en todo este tempo.

Deficiencias no servizo

No que respecta á prestación do servizo, na CIG inciden en que o número de crianzas inscritas non é maior pola lentitude da xestión das prazas por parte do Concello, “algo que tamén está a causar un prexuízo para o persoal, para as persoas usuarias e para a empresa que xestiona o servizo”.

Xa que ao permitir os recortes nos horarios fai que moitas usuarias causen baixa porque o servizo municipal non cubre as súas necesidades. O que tamén fai que o persoal que presta o servizo non teña unha seguridade horaria, xa que os horarios varían ao longo do ano.

Cando o horario de apertura ten que garantir que as usuarias poidan conciliar a súa vida laboral e familiar, polo que debera conter unha franxa horaria e unha prestación do servizo máis ampla, sendo necesaria unha ampliación do cadro de persoal e das xornadas de traballo.

“As persoas traballadoras non están dispostas a financiar cos seus salarios a incompetencia da dirección da empresa pola mala xestión dos recursos de persoal e económicos, que como estamos a ver agrávanse mes a mes, sen tomar ningunha saída viábel a un problema que supón un grande prexuízo para as persoas traballadoras por non cobrar as súas nóminas ao final de cada mensualidade, como xa ten ocorrido.

Finalmente, dende a CIG adiantan a súa disposición a seguir loitando pola defensa dos dereitos do persoal e das persoas usuarias “e non deixaremos de facer este tipo de concentracións todos os meses até que se atope unha solución”.