Persoal e usuarios/as do Sergas mobilízanse nas áreas sanitarias en demanda de máis prazas na OPE

Denuncian que sen traballadores e traballadoras suficientes non se pode garantir unha atención de calidade e favorécese a privatización
Compostela - 03 Mar 2016
Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Cee, Ribeira, Vilagarcía, Burela, Monforte e O Barco, acolleron concentracións de persoal do SERGAS e de usuarios/as da sanidade pública galega en demanda da cobertura do 100% das vacantes que hai no sistema. Durante as mobilizacións denunciaron que só garantindo que hai persoal suficiente, e este está contratado en condicións dignas, se pode frear a privatización do sistema que persegue o PP.

Galería de imaxes das protestas

Galiza forma ás e os profesionais e o SERGAS ofrécelles contratos por días soltos, de luns a venres, de un mes ou con sorte de algo máis de tempo. Unhas condicións  miserentas  que acaban levando a estas/estes traballadoras/es a buscar traballo na emigración, coa conseguinte perda dos cartos públicos destinados á súa formación e co talento do país desperdiciado.

Mentres iso ocorre, as listas de espera medran e as e os doentes, ou son derivados directamente polo SERGAS á sanidade privada, que pagamos entre todas as galegas e galegos, ou buscan unha alternativa pola súa conta, ás veces mesmo subscribindo créditos.

Estas son só algunhas das cuestións que denuncian as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, CSI-F, CESM-Omega, SATSE e máis SAE, que convocaron estas mobilizacións conxuntas para reclamar unha OPE, para todas as categorías, co 100% das prazas vacantes desde 2009 e a negociación dunha Orde de Vínculos que obrigue ao SERGAS a contratar pola causa que motiva a contratación.

Precísanse un mínimo de 3.000 traballadores/as para cubrir as necesidades do sistema sanitario

Desde 2009 xubiláronse no SERGAS 3.000 traballadores e traballadoras e coas ofertas de emprego público deste período máis a convocatoria deste ano non se chegan a cubrir nin a metade.

Entre os anos 2010 e 2014 a taxa de reposición foi do 10%, ou sexa, que de cada 10 traballadores/as xubilados/as só se cubría unha praza, e no ano 2015, a taxa de reposición foi do 50% das vacantes producidas ese ano.

Para este ano -2016- a taxa de reposición anunciada é do 100% das vacantes do ano anterior o que non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos, senón “só ás vacantes que previamente teñen autorización para a súa cobertura”, tal e como denuncian as organizacións sindicais.

Na OPE de 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, 818.

Isto daría un total de 1.539 prazas, que non se achegan, nin de lonxe, ás 3.000 que serían precisas para garantir a cobertura de, polo menos, ás que se perderon por xubilacións, e a necesaria calidade na atención das e dos doentes na sanidade pública. A isto hai que engadir a supresión de postos de traballo do Plan Mellora de Atención Primaria e do Plan Galego de Saúde Mental.

As organizacións sindicais denuncian que como esas prazas son estruturais, estanse cubrindo con persoal en condicións sumamente precarias, “contratos para prazas que sempre se cubriran con interinidades ou contratos pola causa que motivaba a contratación”. Unha política de persoal do SERGAS que rexeitan porque alén da enorme inestabilidade que provoca ás traballadoras e traballadores que a sofren afecta tamén aos centros de saúde e hospitalarios, que teñen grandes problemas á hora de planificar o traballo e os equipos.