Persoal empregado da Xunta de Galiza reclama unha solución inmediata á parálise dos concursos de traslados
Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá deste martes diante do edificio administrativo de San Caetano para exixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai anos. Con esta protesta, convocada pola CIG-Autonómica, reclaman que se garanta unha prelación xusta de dereitos na provisión dos postos, a axilización da resolución dos procesos multiplicando os medios humanos e materiais e a duplicidade dos postos bloqueados de maneira cautelar por resolución xudicial.
A secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, salientou que esta paralización afecta a milleiros de persoas empregadas públicas da administración galega e culpou a Dirección Xeral de Emprego Público de provocar este descomunal problema “ao non convocar concursos de traslados durante lustros ou décadas”. A esta non convocatoria súmase que a administración xeral lle deu destino provisional a persoal que lle correspondía destino definitivo “e que agora o reclama xudicialmente, ocasionando con isto unha situación de alteración moi grave da orde lóxica de adxudicación de postos”, que ademais ten consecuencias sobre os procesos selectivos onde hai persoal pendente de nomeamento.
Explicou que o concurso de traslados é un dos procedementos legais que ten o persoal empregado público para cambiar de posto e para poder moverse xeograficamente e que as escalas afectadas, que levan 10 ou 15 anos sen traslados, son diversas: persoal veterinario, escalas sociais, enxeñarías, persoal de incendios forestais, etc. “e toda unha longa lista de escalas que verían alterada a orde lóxica de adxudicación de postos”.
Nulidade dos destinos provisionais
Burgos lembrou que en decembro de 2022 aprobouse no Parlamento a Lei 5/2022, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público na Comunidade Autónoma de Galiza, que estabelece que as persoas que aprobasen os procesos de temporalidade serían nomeadas en destino provisional. Porén, o Tribunal Constitución xa declarara nulo un artigo similar da lei canaria, porque na normativa básica do persoal empregado público non existe a figura do destino provisional.
“Como consecuencia, o 26 de xuño de 2024 temos a primeira sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza cunha funcionaria en destino provisorio a que se lle tivo que transformar o destino en definitivo”, apuntou. A CIG tan pronto tivo coñecemento desta resolución, solicitou información a Función Pública “e finalmente en marzo acordou acelerar os concursos en marcha e convocar os pendentes, pero co problema de que comezaron a chegar máis sentenzas”.
A DXEP ordena entón retirar do concurso os postos afectados por sentenzas ou medidas cautelares e adxudicarllos definitivamente a persoas que as ocupaban en destino provisional. “No caso do primeiro concurso con problemas, o de enxeñerías, ciencias e arquitecturas acaba de aprobarse a duplicación dos postos afectados, como xa propuñamos en agosto, pois era a única solución cabal”, indica.
A Dirección Xeral non propón solucións
Pero esta duplicación só afecta a oito postos con medidas cautelares e non se estende a máis postos nin a máis concursos. “Deste xeito, a administración non aclara que pasará cos próximos concursos ou que van facer se chegan máis medidas xudiciais logo das tomas de posesión e o que é máis grave, tampouco se propón ningunha outra medida efectiva para axilizar os concursos de traslados”, denuncia Zeltia Burgos.
Mentres a DXEP se escuda na multiplicidade de concursos en marcha, a súa complexidade e na falta de medios materiais e persoais para levar adiante os 11 concursos iniciados, para a CIG-Autonómica esta situación é produto da nefasta xestión de persoal da administración xeral dos últimos 15 anos, polo que reclama medidas para axilizar os concursos, que se garanta unha orde xusta de prioridade, e se respecte o dereito prioritario á provisión de postos mediante concursos de traslados ordinarios.