• Nova

Persoal laboral do Concello de Padrón mobilízase pola recuperación dos seus dereitos

O goberno municipal recortou condicións laborais logo de dar por decaído o convenio colectivo
Padrón - 08 Xul 2021

Traballadores e traballadoras do Concello de Padrón continuaron este xoves coas mobilizacións por uns salarios dignos e para esixir a recuperación dos dereitos roubados, despois de que o goberno municipal dera por decaído o convenio e deixara  sen efectos as melloras laborais que tiña recoñecidas o persoal laboral.

O delegado da CIG, Jose Camino, explica que o goberno municipal do PP denunciou o convenio en 2019 para, en teoría iniciar a negociación dun novo marco regulador, pero na realidade demorou a constitución da mesa de negociacións durante un ano para deixalo decaer "e agora entende que o convenio está suspendido polo que, maneira unilateral e ilegal, deixa sen efecto dereitos laborais do persoal", como certos días de libranza ou a xornada reducida do verán.

Imposición da RPT

Algo similar ocorre coa Relación de Postos de Traballo, que foi aprobada "e imposta" de maneira definitiva hai uns meses sen apenas negociala coa representación social, deixando fóra a unha importante parte do cadro de persoal co obxectivo de externalizar e, polo tanto privatizar servizos como limpeza viaria ou axuda no fogar, entre outros.

O comité denuncia que “moitos dos traballadores e traballadoras afectadas por esta modificación na RPT xa estaban nunha situación de inestabilidade, porque é persoal laboral temporal, e non lle vai quedar máis alternativa que pasarse ás empresas ás que se concesionen os servizos aceptando as condicións que lles impoñan porque, do contrario, quedarán sen posto de traballo e irán ao paro”. A RPT, engade Camino, xa foi denunciada.

Xudicialización permanente

Xunto a isto, denuncia a actitude antidialogante e antiobreira do goberno municipal, que obriga os traballadores e traballadoras a ter que xudicializar permanentemente o recoñecemento dos seus dereitos, nomeadamente no que ten a ver coa antigüidade ou os descontos polas Incapacidades Temporais.

O comité fará unha nova concentración o último xoves deste mes, coincidindo coa celebración do pleno municipal, e en setembro ten previsto realizar unha asemblea de persoal para preparar un novo calendario de mobilizacións pola recuperación dos seus dereitos e contra os abusos laborais.