O persoal de Losán reclámalle á Xunta de Galiza máis implicación para garantir a viabilidade industrial

Os traballadores e traballadoras, que levan catro meses sen cobrar, concentráronse este xoves en San Caetano
Compostela - 12 Feb 2026

Traballadores e traballadoras de Industrias Losán (Curtis) trasladáronse esta mañá até Santiago de Compostela para concentrarse diante do complexo administrativo da San Caetano e pedir a implicación da Xunta de Galiza ante a crítica situación que atravesa o grupo empresarial. O persoal demandou un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos empregos e da actividade produtiva.

O persoal está sumido cada vez nunha maior incerteza e xa acumula catro nóminas sen cobrar mentes que a dirección do grupo evidenciou, ao longo destes dous últimos anos, a súa incompetencia e incapacidade para atopar unha solución de futuro para as fábricas.

Neste contexto, o persoal acordou mobilizarse para exixir unha implicación máis activa das administracións, nomeadamente a SEPI e o IGAPE, pois “sería catastrófico perder preto de 200 postos de traballo e esta actividade industrial no rural, onde as alternativas económicas son escasas”.

O presidente do comité de Industrias Losán, Xosé Anxo Sánchez, lembrou que a Xunta xa ten destinado cartos a esta empresa a través do IGAPE (2 millóns de euros en 2025) e de XES Galiza (cunha achega de 5 millóns, da que está pendente de cobrar 1,5 millóns). Porén, matizou que “non estamos buscando axudas públicas para nada; pedimos máis involucración das administracións para darlle viabilidade e reactivar a produción a unha industria que antes do ano 2022 facturaba 400 millóns de euros. Foron erros de xestión os que provocaron a situación actual”.

A representación sindical ten solicitado reunións con XES Galiza e coa SEPI para abordar posíbeis solucións, “pero de momento non temos resposta. Queremos que nos informen de cal é a situación real porque o único que nos conta a empresa é que está negociando coa banca e non sabemos se isto ten futuro ou vai acabar en concurso”.

Hai que salientar que Grupo Losán dispón de dúas fábricas en Galiza, Industrias Losán en Curtis e Aserpal en Vilasantar, unha oficina na Coruña e varias plantas máis en Castela e León e Castela-A Mancha, que en conxunto dan emprego directo a máis de 800 persoas. Todas as factorías atópanse no mesmo estado de parálise produtiva e impago de salarios. De aí que Sánchez demandara “unha maior implicación institucional no futuro dunha compañía que chegou a ser a segunda industria do sector da madeira do Estado español”.

O persoal vive unha situación moi complicada

Sánchez incidiu nas dificultades económicas que atravesa o persoal despois de catro meses sen cobrar e o desgaste anímico que conleva a permanente incerteza sobre o seu futuro laboral. “Hai moitas compañeiras e compañeiros pasándoo mal, que teñen que pedir axuda a familiares para facer fronte aos gastos. É moi complicado o que estamos vivindo”, reiterou.

A este respecto, salientou tamén a preocupación da veciñanza de Curtis, Vilasantar e dos concellos da contorna “porque é consciente do desastroso que sería deixar morrer esta industria”, e avanzou que os traballadores e as traballadoras continuarán loitando até conseguir unha solución que garanta a viabilidade e o futuro dos empregos e da actividade produtiva.