Persoal médico baralla abandonar o hospital ourensán El Carmen pola incerteza da venda

A CIG reclámalle información a Recoletas ante os incumprimentos dos centros privados
Ourense - 01 Abr 2022

Segundo informacións ás que tivo acceso a CIG-Ourense, un nutrido grupo de médicos/as do hospital privado El Carmen baralla abandonar o centro ante a incerteza xerada polo proceso de venda ao Grupo Recoletas, o que puidera comprometer os acordos do hospital co Sergas por desaparecer diversas especialidades que figuran na oferta médica. Dende a central sindical reclámanlle ao grupo comprador que informe os traballadores/as xa que as direccións dos centros que van ser adquiridos -tamén o hospital Cogasa- non o fai.

A CIG-Ourense xa denunciara a finais de febreiro “o escurantismo e a desinformación” para co cadro de persoal que rodea o proceso de venda dos hospitais privados Cogasa e El Carmen ao Grupo Recoletas, “cando todo indica que a chegada da nova propiedade é inminente”. En consecuencia, continúase sen saber nada do modelo, da estrutura, nin do cadro de persoal. “Só sabemos que, de facto, a dirección e a xerencia, xa opera dende Valladolid”. 

A marcha do persoal médico pode poñer en perigo os acordos do hospital co Sergas

Dende a central sindical sinalan que esta percepción é tamén compartida por un importante grupo de facultativos/as do hospital El Carmen, que, segundo as informacións ás que tivo acceso, teñen prevista a súa marcha do proxecto sanitario.

“A falta de información e ocultación do proceso de venda foi a gota que colmou o vaso, pero a súa situación de incomodidade como profesionais vén de atrás, e ten moito que ver co estilo de mando da que ten sido a xerencia do hospital nestes últimos anos, e co descontento xeral do colectivo médico co tratamento que se lle deu por parte da dirección á xestión do hackeo informático que se produciu en 2020”, sinalan.

Ao mesmo tempo, advirten que a marcha destes/as profesionais puidera comprometer os acordos que o hospital mantén co Sergas ao desaparecer diversas especialidades que figuran na oferta médica. Polo que a CIG reclama que se lle facilite toda a información aos traballadores/as, “e estamos a solicitarlle ao grupo comprador ante o incumprimento da obriga legal de facelo por parte da dirección dos hospitais que se venden”.