Persoal de Repsol mobilízase contra a destrución de postos de traballo na refinería

Advirten que esta decisión supón un risco directo para as persoas e as instalacións
A Coruña - 07 Abr 2026

Traballadores e traballadoras de Repsol arrancaron este martes o calendario de mobilizacións en rexeitamento á decisión da empresa de eliminar unha persoa operadora por quenda de traballo na unidade de Coque. O persoal concentrouse no acceso ao complexo industrial e saíu en manifestación até a rotonda de Meicende

A protesta repetirase os días 14 e 22 e ademais, o día 27 de abril está convocada unha xornada de folga de 24 horas que afectará a todo o persoal da refinería.   

A sección sindical da CIG reitera que suprimir persoal nesta unidade, na que cos efectivos actuais xa existe unha sobrecarga inasumíbel, “supón un risco para as persoas e as instalacións” e rexeita as declaracións feitas pola dirección asegurando que pasar de 4 a 3 operadores/as por quenda non implicará incrementar a carga de traballo.

“Esta afirmación é unha auténtica burla ao persoal”, aseveran. Denuncian que alén de faltar á verdade, a empresa pretende normalizar recortes que poñen en risco directo a seguridade e as condicións de traballo.

Diante disto, a representación da CIG dirixiuse por escrito á dirección do complexo solicitando explicacións por estas declaracións e para aclare as previsións de traballo para o vindeiro ano. Hai que sinalar que a empresa entregou un documento ao comité que inclúe un gráfico no que se indica que a partir do ano 2026 se produciría unha redución tanto das horas de traballo como da carga de traballo.

A sección sindical demándalle á dirección “información clara, documentada e coherente”, que aclare que xustificación técnica sustenta esta previsión e que cambios operativos e produtivos están previstos para que esa redución sexa real e efectiva.

Así mesmo, a CIG exíxelle a Repsol un plan industrial inmediato, público e con garantías, con investimentos reais na refinería da Coruña e un proceso de transición enerxética xusta “que non sexa unha escusa para precarizar e destruír postos de traballo”.