Persoal sanitario mobilízase no Hospital Clínico para exixir que se cumpra a xornada de 35 horas
Numeroso persoal sanitario concentrouse este xoves diante do Hospital Clínico de Santiago para reclamar que se respecten os seus dereitos e se cumpra coa xornada máxima de 1.533 horas ao ano. A CIG-Saúde decidiu convocar esta protesta ante a negativa da xerencia da área Santiago-Barbanza a facer os cómputos de xornada ao persoal de xeito individualizado, nas unidades e servizos que a día de hoxe contan cunha carteleira de 35 horas semanais, e a reiterada denegación dos permisos por exceso de horas.
Hai que lembrar que en abril de 2023 acordouse co SERGAS a equiparación da xornada laboral para todas as categorías, tanto de Atención Primaria como en Atención Hospitalaria, no camiño da implantación das 35 horas semanais. Dende entón, explica a CIG-Saúde de Santiago, sucedéronse diversas instrucións por parte do SERGAS a fin de realizar unha redución escalada da xornada laboral, que remataría a primeiros deste 2025. Deste xeito, a partir de xaneiro ficaría estabelecida unha xornada anual, e para quen realiza quendas fixas de mañá, tarde ou rotatorias simples, de 1.533 horas/ano. Isto equivale a 219 quendas de 7 horas.
A CIG-Saúde solicitou en diversas reunións a aplicación desta xornada de 35h á semana, pero a xerencia da área sanitaria “négase ao cumprimento das instrucións e a facer os cómputos de xornada e ademais rexeita calquera solicitude de permiso sobre esta cuestión, incumprido así a normativa vixente, sen informar en tempo e forma das denegacións dos permisos solicitados e o volume de persoal que acada”.
Diante desta negativa reiterada, a representación da CIG acordou convocar esta concentración para exixir que se realicen os cómputos da xornada laboral ao persoal e que se fagan de xeito individualizado, para todo o persoal que non realiza quendas de noite. “Non podemos consentir que ningunha persoa traballadora exceda da xornada marcada de 1.533 horas sen ter a compensación correspondente, ao igual que se fai en calquera outro ámbito laboral ou en calquera outra administración pública”.
A CIG-Saúde de Santiago salienta que os tempos da escravitude xa pasaron, que “ninguén vén traballar de balde nin regalar o seu tempo porque a administración se peche a cumprir o acordado, porque non se diten as oportunas instrucións e non se respecte unha xornada laboral froito dun acordo de consenso”. Por iso, reclama que se garanta o dereito os días de descanso que lle correspondan por lei o persoal para poder conciliar a vida laboral e familiar.