Persoal técnico do SPIF volve mobilizarse pola falta de propostas de Medio Rural para un novo acordo laboral

Denuncian que a Xunta carece de plan de traballo para as persoas encargadas de coordinar a loita contra os incendios
Nacional - 29 Xun 2020

Persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galiza (SPIF) continuou este luns co calendario de mobilizacións para esixirlle á Consellaría de Medio Rural que negocie un novo acordo laboral que mellore as súas condicións de traballo. As organizacións sindicais acordaron manter as protestas logo de que na reunión do pasado venres a Administración non presentara ningunha proposta e só remitira, para a mesa convocada para mañá martes, "unha ridícula modificación sobre uns aspectos moi concretos do persoal xefe de distrito".

Xabier Bruña, representante da CIG, explicou que ao remate da concentración en San Caetano, se celebrou asemblea do persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galiza para abordar a situación do colectivo e acordar novas mobilizacións á espera do que dea de si a reunión de mañá coa Consellaría.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT critican que, a pesar de que o período de alto risco de lumes comeza este 1 de xullo, "a Xunta de Galiza carece aínda de estratexia e de plan de traballo para as persoas encargadas de coordinar a loita contra os incendios forestais no noso país".

Cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 "desfasado polos cambios na Consellería, a distribución de persoal e as condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais, non temos asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais o que deixa desprotexido o servizo publico", advirten.

Principais reivindicacións do colectivo

Este acordo foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019, despois de tentar a súa modificación desde maio de 2018, xa que contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclaman que este novo acordo dea como mínimo solución ás seguintes problemáticas:

  • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Redución do horario anual que supera as 2000 horas (moi por riba do debido).
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
  • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos/as xefes de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal.
  • Segunda actividade e coeficiente redutor para as persoas maiores de 60 anos.