Xubilados/as e pensionistas de Endesa reivindican en Madrid o dereito a manter os beneficios sociais

Máis de 300 persoas trasladáronse en autobús dende As Pontes para participar na protesta
As Pontes - 24 Set 2019

Dentro do intenso calendario de mobilizacións acordado, a sede central de Endesa en Madrid foi hoxe o escenario no que o colectivo de xubilados/as e pensionistas desenvolveu unha nova protesta en defensa do mantemento dos dereitos sociais e económicos que até agora tiñan recoñecidos, como a bonificación da tarifa eléctrica, e que a compañía pretende eliminar a partir do 1 de outubro.

Na protesta participaron unhas 1.500 persoas (das que máis de 300 procedían das Pontes e dos concellos da contorna) que permaneceron concentradas diante do edificio da eléctrica entre as 11 e ás 13 horas baixo unha consigna clara: defender os dereitos conquistados tras anos de duras loitas sindicais. Uns dereitos que, lembra Fernando Branco, representante da CIG, forman parte do salario en especie e que Enel (empresa pública italiana que ten o 70% do capital de Endesa) pretende roubar para engordar os petos dos accionistas. Deste xeito, os 700 millóns de euros que Endesa debe reservar nos seus balances económicos para esta partida, pasarían a repartirse entre o accionariado.

Descapitalización e saqueo de Endesa

Pero esta loita non se pode desvencellar do proceso de descapitalización e espolio vivido en Endesa (no seu día empresa pública do estado español) dende o inicio da súa privatización. A entrada de Enel, mediante unha rocambolesca operación, supuxo a segregación de activos de Endesa e a súa descapilización gradual. Ao tempo, a eléctrica italiana impuxo unha xenerosísima política de remuneracións dos accionistas que obriga a que o 100% do beneficio neto de Endesa pase directamente a dividendos que, á súa vez, son cobrados por Enel, limitando así a capacidade de inversión de Endesa.

Neste proceso de repatriación de capital a Italia, agora Enel pretende meter man nos beneficios sociais que teñen recoñecidos máis de 27.000 persoas, aproveitándose das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, que limita a ultravixencia dos convenios colectivos a un ano. Desta maneira, a empresa tras un ano de simular unha negociación, deu por decaído o IV Convenio Colectivo ao que están ligados estes dereitos para proceder a súa supresión, á vez que deixa sen marco regulador de referencia a uns 8.000 traballadores/as; unha situación insólita nunha compañía deste tamaño.

O forte rexeitamento que esta decisión unilateral xerou e as  numerosas mobilizacións realizadas, levaron a empresa a adiar a suspensión dos beneficios até o 1 de outubro e a retomar a negociación do convenio colectivo, aínda que na práctica as negociacións non avanzan. A este respecto, Branco chama a atención sobre o forte impacto que terá nas economías familiares (e por extensión no conxunto da economía das Pontes) a eliminación da tarifa eléctrica bonificada, especialmente no caso das persoas máis maiores que son as que teñen as pensións máis cativas.  

Loitas entrecruzadas

Pero o denominado persoal pasivo non está disposto a asumir este roubo e dende o primeiro momento iniciou protestas que teñen unha especial incidencia na comarca das Pontes, onde as reivindicacións deste incardínanse coas mobilizacións que o persoal das auxiliares da central, colectivos de transportistas e a bisbarra no seu conxunto, están a realizar para esixir futuro industrial fronte a parálise produtiva na que Endesa mantén a central térmica.