Persoas xubiladas e pensionistas da CIG claman por unha mellora da atención sanitaria

O colectivo desenvolveu concentracións diante de centros de saúde da Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Vilagarcía e Vigo
Nacional - 22 Abr 2026

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG continúa coa súa intensa campaña de información e mobilizacións en defensa da sanidade pública e para denunciar a política de desmantelamento e privatizacións da Xunta de Galiza que afecta de maneira especial as persoas maiores. Nesta ocasión desenvolveu concentracións ao mediodía diante de centros de saúde da Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Vilagarcía e Vigo “para facer visíbel unha problemática que se intenta ocultar”.

No marco desta campaña o colectivo está a recoller tamén numerosos escritos de queixa e testemuños de persoas maiores sobre as dificultades e atrancos que atopan á hora de recibir atención sanitaria por mor das políticas aplicadas polo Goberno do PP na Xunta, “que provocan listas de esperar inasumíbeis, derivacións sistemáticas á sanidade privada e mesmo penalizacións para quen decide defender o seu dereito a ter atención na pública”.

Neste senso, dende a central sindical advirten que para as persoas maiores de 60 e 65 anos, para quen vive con patoloxías crónicas e “para quen sabemos que o tempo, cando a saúde falla, non é neutro”, estas demoras na atención empeoran a saúde, aumentan a dependencia e, “en demasiados casos, provocan danos irreversíbeis”. E inciden nas especiais dificultades de acceso á Atención Primaria, “que é a porta de entrada ao sistema sanitario”, con centros de saúde nos que a espera para conseguir unha cita co persoal médico de cabeceira vai dos 10 aos 14 días.

Mais a atención hospitalaria non atravesa unha situación mellor, e o colectivo da CIG xa ten recibido denuncias de persoas que tiveron que agardar cinco anos por unha operación de cataratas, de xente que leva meses e anos agardando por unha proba diagnóstica ou de quen “perdeu a saúde de forma irrecuperábel mentres estaba nunha lista de espera”.

Así, fan fincapé en que a defensa da sanidade pública “é unha loita de país, porque tamén é unha cuestión de xustiza social e de dignidade, especialmente para quen deu toda unha vida de traballo”. E subliñan que as persoas xubiladas e pensionistas “non son números nin unha carga”, senón persoas con plenos dereitos.

Por iso, exíxenlle ao Goberno galego que remate coa política de “aniquilación” da sanidade pública, que poña fin ao desvío de cartos á privada e que planifique e dote o sistema público dos recursos humanos e do material necesarios para garantir unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as persoas.