Perspectivas ao final da segunda década do século XXI

Oscar Ugarteche - 09 Abr 2019

O mundo está marcado por guerras en zonas de produción de petróleo e gas. Estas son agora un singo dos tempos e non sucesos pasaxeiros. Son guerras que duran máis que as guerras mundiais e que ocasionan millóns de mortos pero que non xeran un cambio tecnolóxico significativo como para sacar a Estados Unidos da súa traxectoria declinante de crecemento

 Neste artigo imos repasar os acontecementos políticos e sociais que marcan a pauta económica da primeira parte do século. Un referente é o acontecido na mesma etapa nos séculos XIX e XX para ver se estamos ou non ante un sinal revelador. O que está claro é que se está ante un horizonte conflitivo que non ten visos de acabar axiña.

Algúns referentes de inicios de século XIX e XX

 Ao final da segunda década do século XIX, as repúblicas americanas culminaban a etapa final das súas loitas pola independencia española e España entraba nunha espiral de debilitamento hexemónico fronte á industrial Gran Bretaña e o liberalismo económico. Doutro lado, os Estados xermánicos, baixo a influencia de Federico List, impulsaban unha unión aduaneira, a primeira do seu tipo. A visión industrialista de List subxacía ás súas críticas ao liberalismo británico e os británicos, fronte a España, encargáronse de equipar e financiar as tropas independentistas de Bolívar. Os ferrocarrís a vapor de auga eran a tecnoloxía do progreso e reducían as distancias. As migracións masivas de España cara a América Latina e de Gran Bretaña cara a Estados Unidos deixaron pegada.

 Ao final da segunda década do século XX, en 1919, asinouse o Tratado de Versalles e fundouse a primeira organización multilateral: a Liga das Nacións, coa súa oficina de intelixencia económica, xunto coa Organización Internacional do Traballo e a Organización Mundial da Saúde. A revolución rusa triunfara en novembro de 1917 e a revolución mexicana estaba en plena loita. Estábase nos albores da deflación de 1920 e do estancamento europeo da década de 1920. En China os europeos estaban consolidando Xanghai como un gran centro comercial e Xapón establecera na Península de Corea un poder militar. Estados Unidos instalouse no Istmo de Panamá coa Canal recentemente inaugurada e todos os imperios europeos foron derrotados na 1ª Guerra Mundial, agás Gran Bretaña que comezaría o seu devalar como país altamente endebedado cos Estados Unidos. O motor a combustión con combustíbel fósil era a tecnoloxía do progreso. Avións, automóbiles e barcos reducían as distancias. As migracións masivas de posguerra desde Europa cara ao continente Americano marcaron a meirande parte dos países.

As guerras e o mundo no que entramos[1]

 O final da segunda década do século XXI caracterízase polo debilitamento dos organismos multilaterais ante un rexurdimento de nacionalismos localizados en Europa, Estados Unidos e en menor medida en América Latina. As guerras, que debían ser previdas pola Liga das Nacións, e despois por Nacións Unidas, hoxe son imprevisíbeis. Tras a proclama da fin da historia de Fukuyama, o que se observa é que hai máis guerras simultaneamente que nunca na historia pero que teñen unha forma diferente. Son loitas entre sectores de oprimidos e opresores, nalgúns casos relixiosas. Todas son en espazos xeográficos onde hai petróleo ou gas e en todas está involucrado Estados Unidos dalgún xeito.

1) A segunda guerra do Congo (1998-2003)[2] que se iniciou no século XX nunha área onde hai riqueza petroleira e mineira leva desde 1998 tres millóns de mortos e continúa con menor intensidade coa presenza de 113.000 forzas de paz baixo o auspicio de Nacións Unidas desde o 2003.

2) A guerra civil siria desatada tras a invasión occidental de Iraq e ao mesmo tempo que a Primavera Árabe do 2011. Ten como actores a grupos políticos e relixiosos e a gobernos como Estados Unidos, Rusia, Turquía, Israel. Leva 365.679 persoas mortas a data de febreiro do 2019 (Serian Observatory for Humana Rights)[3].

3) A guerra de Iraq, que se iniciou no 2003 cunha invasión occidental baixo o argumento falso de que había armas de destrución masiva, provocou, até comezos de 2019, 288.000 mortos.

4) A guerra de Afganistán[4], iniciada no 2001, pouco despois do ataque ás Torres Xemelgas en Nova York e outros brancos, por un grupo de 19 árabes sauditas asociados a Al Qaeda, grupo paramilitar relixioso. Leva 100.000 mortos até febreiro do 2019 entre os de Afganistán e os civís mortos en Paquistán.

5) A Guerra de Boko Haram[5], cuxo nome significa “a occidentalización é un sacrilexio”, que comezou cando se fundou o grupo en Nixeria no 2002, pouco despois dos ataques de Al Qaeda en Estados Unidos. Desenvólvese nun país rico en petróleo cunha mala distribución do ingreso e cun proxecto de fornecer a Europa a través dun oleoduto que atravese África. A consecuencia desta guerra é o desprazamento de 2 millóns de persoas.

6) A guerra Civil de Iemen, iniciada coa Primavera Árabe, que foi unha loita pola permanencia no poder do presidente electo ʿAlī ʿAbd Allāh Ṣāliḥ. Despois entraron na loita Al Qaeda, apoiando os rebeldes Houthi, e do outro lado Arabia Saudita, co respaldo de Estados Unidos, apoiando o goberno do presidente Hadi, que sucedeu a As Salih no 2015. É un país rico en gas natural e minerais diversos. Levan 80.000 mortos desde o 2015 segundo Yemen for the Armed Conflict Location and Event Data Project (ACLED)[6].

7) O conflito de Ucraína, que se iniciou no 2013 cando o presidente pro-ruso de Ucraína, Viktor Yanukovich, rexeitou o acordo de asociación coa Unión Europea a favor de lazos máis estreitos con Rusia. Kiev, a capital ucraína, estalou en protestas na rúa e os manifestantes estableceron un campamento permanente na Praza da Independencia. Os enfrontamentos entre a policía (pro rusa) e os manifestantes (pro europeos) volvéronse cada vez máis violentos. O Acordo da Asociación entre Ucraína e a Unión Europea asinouse en marzo do 2014 baixo a presidencia de Oleksandr Turchínov[7]. No proceso, desatouse a violencia entre os sectores pro rusos e os pro europeos, o que levou a que as forzas de seguridade do goberno abrisen fogo contra os manifestantes. A reacción violenta que se produciu en febreiro do 2014 varreu a Yanukovich do poder, e el fuxiu a Rusia. Ao mesmo tempo, en febreiro do 2014 o exército ruso invadiu a Península de Crimea para asegurar a saída rusa ao Mar Negro, onde se atopan as bases navais rusas do Mediterráneo, producíndose unha guerra que leva 13.000 mortos e que converteu a Ucraína na fronteira entre Rusia e Europa. O tema é o gas, os gasodutos que pasan por alí, e quen os controla. Unha característica de todas estas guerras é que as empresas seguen operando mentres a guerra avanza. A guerra permanente é un novo trazo da economía internacional.

Migración e capacidade de absorción

 A consecuencia da Primavera Árabe e as intervencións de Occidente en Libia, Iraq e Exipto deixaron un ronsel de inmigrantes que intentan escapar dos seus países para fuxir da guerra e traballar. O máis próximo é Europa, o que levou posibelmente a un dos desprazamentos masivos máis significativos da historia moderna. Do ano 2000 ao 2017, o número total de migrantes aumentou case 50%: de 173 a 258 millóns de persoas[8]. A metade deste aumento ocorreu en países desenvolvidos, mentres que a outra metade tivo lugar en países en desenvolvemento, segundo Nacións Unidas. En América Latina, os desprazamentos están asociados a cambios de goberno sen eleccións ou intentos forzados de cambio, como en Honduras, Haití, e Venezuela, pero tamén, en xeral, a moi pouco crecemento económico e insuficiencia de emprego.

 A falta de crecemento das economías desenvolvidas onde se dirixe a metade dos migrantes deu lugar a sentimentos nacionalistas similares aos existentes na década dos anos 1930, esta vez culpando os musulmáns. A diferenza é que a existencia de musulmáns radicais armados e ideoloxizados como un pobo oprimido por Occidente convérteos en actores no conflito armado non só na zona sur do Mediterráneo, senón ao norte. Isto é unha diferenza substantiva cos anos 30. Este é un compoñente novo da economía internacional polo impacto das remesas internacionais nas economías de orixe.

Crecemento medio simple anualizado do PIB real antes e logo da recesión de 1974

 O cadro[9] percorre 66 anos de crecemento económico de economías maduras, de 1950 a 2016. O que mostra é que, en primeiro lugar, as economías que menos creceron desde 1950 foron Gran Bretaña, Estados Unidos e Dinamarca. En segundo, lugar mostra como despois da crise de 1974 o crecemento se reduciu aínda máis en comparación coa primeira etapa, 1950-1975. A diferenza é que entre a primeira e segunda etapas, a media da primeira etapa de todas as economías maduras era superior ao crecemento americano; na segunda etapa a media do crecemento é igual á media da economía maior. É dicir, hai unha migración masiva cara ás economías desenvolvidas que teñen taxas de crecemento baixas e a Estados Unidos en especial, que a ten máis baixa que o resto. Isto produce as reaccións sociais fascistas, cargadas de odio, racistas, xenófobas, que se observan no discurso estadounidense pero tamén nas reaccións populistas de dereita europeas coas consecuencias sobre o proteccionismo e guerras comerciais.

O motor real do crecemento

 O escaso crecemento das economías maduras foi activado por dinámicas internas, coa posíbel excepción de Alemaña, onde o peso externo é moi alto. A tecnoloxía da década dos anos 20 esgotouse nos anos 70 e desde aquela vénse esperando un cambio na enerxía coa que se moven os vehículos. O que ocorreu, mentres tanto, nestes cincuenta anos é que emerxeu a intelixencia artificial que nos permite non movernos e estarmos conectados con outro lugar en tempo real vía o whatsapp e skype así como por hangouts de Google, entre os máis coñecidos. Isto fai que a sociedade estea máis informada aínda que non máis comunicada, necesariamente. Tamén permite que non se deban de facer e nesa medida é un vehículo de meta-transportación virtual.

 Malia iso, crece o número de vehículos de transporte con tecnoloxía cada vez máis avanzada para comodidade do pasaxeiro. O máis avanzado será o vehículo que sexa literalmente automóbil, sen chofer. Ese vehículo eléctrico, ou a hidróxeno, será limpo e non quentará o ambiente. A competencia está en quen sacará estes vehículos ao mercado máis axiña. O funcionamento destes vai da man co dito ao comezo, sobre a telemática. A competencia é quen saca a rede 5G antes e a coloca no mercado. Todo indica que a empresa Huawei tena lista e estaa vendendo, mentres Estados Unidos sabota todo ese esforzo para non quedar atrás. Esa é a explicación lóxica da guerra comercial que até o de agora lles custa aos consumidores americanos 165,.000 millóns de dólares e que bate no o 38% das importacións estadounidenses[10].

 A competencia polos coches limpos sen chofer e con tecnoloxía 5G é polo momento o futuro inmediato para reactivar as economías maduras. Todo indica que isto o vén gañando China; porén, América Latina dentro deste xogo continúa sendo a despensa, onde China inviste para asegurar materias primas, entre elas, o litio e as terras raras pero tamén petróleo e gas. Neste, a competencia espacial con Estados Unidos no continente é moi forte.

Finalmente

 O mundo está marcado por guerras en zonas de produción de petróleo e gas. Estas son agora un singo dos tempos e non sucesos pasaxeiros. Son guerras que duran máis que as guerras mundiais e que ocasionan millóns de mortos pero que non xeran un cambio tecnolóxico significativo como para sacar a Estados Unidos da súa traxectoria declinante de crecemento. O futuro tecnolóxico está comprometido co transporte e a telemática para facer o devandito transporte máis cómodo e eficiente en termos de enerxía. A competencia por isto na forma de vehículos eléctricos ou a hidróxeno, sen chofer, é posíbel, a condición de que o control da tecnoloxía de redes 5G estea nas mesmas mans occidentais que os vehículos. A competencia parece estar inclinada a favor de China e iso motivou unha guerra comercial custosa para Estados Unidos, cuxo déficit externo medrou neste ano pasado. O proteccionismo vai acompañando as migracións indesexadas mentres Estados Unidos busca situar a súa economía en declive nunha posición de líder mundial, sen éxito en ningún dos campos. O seu déficit externo é maior e o seu desprestixio aumenta[11].

 As guerras ocorren en espazos onde hai petróleo e gas, o que indica que non está botada a sorte dos combustíbeis fósiles aínda malia os efectos adversos que teñen. A guerra comercial con China non se iniciou o ano 2018, nin tampouco a competencia pola rede 5G. A resistencia ás migracións tampouco é un fenómeno recente. O que está pasando é que se veñen acentuando as tendencias e as radicalizacións de dereita vanse fortalecendo conforme estas se agudizan. Zizek[12] dinos que cando hai frustración política na esquerda, esa poboación vira cara ao extremo da dereita na procura de respostas reais. Iso é o que está pasando. No medio disto, o crecemento tanto de Europa como de Estados Unidos está máis debilitado que antes. Os países orientais sentirán tamén o efecto da desaceleración occidental, pero nun horizonte cinco veces máis alto de crecemento do PIB que Occidente (1.4% vs 6.4%). América Latina vai ter que escoller ben con quen comerciar e como se desenvolver porque os modelos pensados en mercados próximos están, polo momento, terminados sen unha transformación produtiva, que polo de agora non está á vista.

__________________________________________________________________________________

Notas:

[1] Datos básicos tomados de https://www.britannica.com/list/8-deadliest-wars-of-the-21st-century e elaborados con información complementaria de internet.

[2] https://www.cs.mcgill.ca/~rwest/wikispeedia/wpcd/wp/s/Second_Congo_War.htm

[3] http://www.syriahr.com/en/

[4] https://www.cfr.org/timeline/us-war-afghanistan

[5] https://bit.ly/2HkfmxF

[6] https://www.acleddata.com/

[7] https://www.politico.eu/article/the-eu-ukraine-association-agreement-a-potted-history/

[8] https://www.un.org/development/desa/publications/international-migration-report-2017.html

[9] Alan Freeman, “The sixty-year downward trend of economic growth in the industrialised countries of the world”, GERG working paper No.1, 2019, University of Manitoba.

[10] The impact of the 2018 trade war on U.S. prices and welfare, Mary Amiti, Stephen J. Redding and David E. Weinstein, Discussion Paper DP13564, Published 02 March 2019, Centre for Economic Policy Research, London.

[11] - “Donald Trump won little applause during Munich Security Conference — and Ivanka wasn’t too pleased” https://bit.ly/2HdtW9R.  “UN members laugh at Trump after claim his administration has 'accomplished more than almost any in US history” https://ind.pn/2O70tSf.  “Trump's North Korea summit failed because he doesn't understand what Kim Jong Un really wants” https://nbcnews.to/2H91lmn.

[12] Slavoj Žižek, Problemas en el paraíso. Del fin de la historia al fin del capitalismo. Traducción de Damià Alou. Editorial Anagrama. Barcelona

__________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 18 de marzo de 2019]