Demándanlle ao Concello de Ourense que rescate a Axuda a Domicilio tras quedar deserto o concurso

A CIG advertira que o prezo por hora non garantía un servizo de calidade nin o cumprimento do convenio
Ourense - 06 Nov 2019

A CIG de Ourense reclámalle ao Concello que cumpra a promesa electoral do alcalde e municipalice o servizo de Axuda a Domicilio e á Dependencia unha vez que o concurso de adxudicación quedou deserto despois que ningunha empresa se presentase. A central, que alegou o procedemento, advertira que o prezo fixado por hora (15,83 euros) non era suficiente para ofertar unha atención de calidade e para cumprir o convenio colectivo en materia salarial.

Dende a CIG-Ourense pregúntanse a que se refire exactamente o Goberno local cando fala de facer un prego de condicións máis atractivo, “porque se é a incrementar o prezo hora do servizo hai que concluír que o prego anterior está por debaixo dos mínimos esixidos para unha boa asistencia”. 

Pídenlle ao alcalde que cumpra a promesa electoral de municipalizar servizos

Nesta liña, demandan do Concello que explique quen tomou a decisión de partir dun valor prezo/hora que tende de xeito irremediábel á precariedade. “Posiblemente o alcalde derive a culpa nos técnicos/as municipais, como acostuma facer cada vez que tropeza coa realidade”.

Por iso temen que vaia acontecer o mesmo que sucedeu co servizo de limpeza do Pavillón dos Remedios, no que a empresa adxudicataria renunciou a seguir, fíxose un novo concurso, aumentouse o prezo e finalmente a concesión foi novamente para a mesma empresa que renunciara.

Fácil xestión pública

“Se existe un servizo doado para saber o que custe que ten é precisamente o de Axuda a Domicilio, xa que só é man de obra; existe un convenio colectivo de ámbito galego que evita a competencia desleal; e o número de persoal de coordinación está establecido por ratios. Polo que non hai servizo máis fácil de xestionar publicamente que este”, sosteñen.

Polo tanto, aproveitando esta situación de concurso deserto lémbranlle ao grupo de Goberno municipal “o seu compromiso de municipalizar servizos coma este, ben directamente, ben por medio dunha empresa pública que se cree ao efecto”.