Pintos: "Fun detido por exercer o 'delito' da solidariedade de clase"
“Fun detido por un 'delito' de solidariedade. Por exercer a solidariedade cos compañeiros e compañeiras de Navantia e Poligal”. Así comezaba o seu alegato Xesús Anxo López Pintos na última sesión do xuízo celebrado estes días na Audiencia Provincial da Coruña contra o ex cosecretario comarcal da CIG de Ferrol, para quen a acusación particular (exercida por un axente de policía) solicita unha condena de tres anos por un delito de atentado e lesións. Na sesión deste venres procedeuse á dar lectura ás conclusións, quedando o xuízo visto para sentenza.
Na súa intervención, Pintos fixo un repaso pola situación que atravesaba a comarca de Ferrolterra na altura do ano 2012, marcada pola alta conflitividade a causa da perda de emprego e os recortes nas condicións sociolaborais, e cun PP gobernando en maioría absoluta tanto no estado como na Xunta, que utilizaba esta maioría para aplicar durísimas reformas antiobreiras e cercenar dereitos e liberdades. Neste contexto, explicou, foi que os comités de Navantia e Poligal, aproveitando o acto de inicio de campaña do PP na cidade, acordaron concentrarse diante do Hotel Almirante para esixir solucións e que se atenderan as súas demandas.
De feito, tal e como lembrou Pintos, catro cargos do PP que esa noite estiveron no acto electoral, acudiron este mércores a declarar como testemuñas a proposición tanto da Fiscalía como da acusación particular. E non compre perder de vista tampouco, que nun primeiro momento, o Partido Popular presentara denuncia por delito electoral, aínda que finalmente decidiu retirala. "Por que?", inquiriu o propio Pintos, "porque sabían que a policía ía seguir denunciando e así eles quedaban ben".
Criminalización da loita obreira
A esa concentración, apuntou Pintos, "chamáronme para que fora secundala na miña condición de responsábel do sindicato, ao igual que acudiron outros compañeiros e compañeiras doutros sindicatos". Incidiu no carácter pacífico no que se desenvolveu a protesta, con presenza de traballadores/as de diversos sectores e incluso de representantes de partidos políticos. Todas as persoas que acudiron ao acto puideron acceder ao establecemento sen problema e o mitin tivo lugar con total normalidade. Porén, salientou, "só houbo incidencias cando chegou a policía".
Neste punto, criticou que por parte da acusación se pretendera presentar en todo momento ás persoas que participaron na concentración como violentas. "Alí estábamos xente que loitamos contra as inxustizas, que loitamos contra quen explota os traballadores e as traballadoras. Iso si que é terrorismo patronal".
Pintos recoñeceu que houbo tensión coa policía, pero salientou que malia as voltas que se lle quere dar ao relato do que aquela noite pasou para criminalizar e perseguir a loita obreira, a realidade é que nin sequera os axentes alí despregados pediron a intervención da UIP. "Había que buscar entón un chibo expiatorio e ese foi Pintos", espetou.
Lembrou como foi golpeado durante a carga policial "até que caín ao chan". E como non se lle permitiu ter atención sanitaria até varias horas despois, malia estar sangrando xa cando o levaron detido.
Detido e incomunicado
Na súa intervención cuestionou a baixa calidade do estado dereito cando se consinte "que se produza mal trato na comisaría" e quen acabe sendo xulgada sexa vítima "e non se investigue sequera a quen tortura". Pintos fixo un relato pormenorizado das horas que pasou na comisaría, como foi humillado e vexado, sen que ningún outro axente alí presente interviñera para evitalo.
Explicou como escoitou a voz do seu avogado na porta da comisaría preguntar por el, pero non lle deixaron entrar; ou cando timbraron na comisaría tres compañeiros/as da CIG que se achegaron a preguntar pola súa situación e foron recibidos con cadanseu porrazo. "Iso si é violencia, e non defender unhas condicións de traballo dignas".
Pintos relatou tamén como foi acompañado pola policía cando recibiu atención médica e chamou a atención do tribunal pola falta de imaxes das cámaras de entrada da comisaría que permitan apreciar como chegou ás instalacións coa cabeza aberta e sangrando. Neste senso, defendeu a necesidade de instalar cámaras nas comisarías para que este tipo de feitos non queden impunes.
O compañeiro quixo deixar ben claro que "saia a sentenza que saia, se teño que ir para a cadea, irei coa cabeza ben alta. Pero doeríame moito que un torturador quede fóra. Porque iso lembraríame a cando no franquismo unha muller chegaba á garda civil a denunciar maltrato por parte do seu home e a resposta que recibía era "algo farías", sendo a vítima convertida en verdugo".