Plataforma de apoio a Palestina demanda posicionamentos contra o plan de anexión israelí

Distintas organizacións, entre elas a CIG, rexistraron escritos aos grupos parlamentares e ao goberno español

Internacional -

Organizacións sociais e sindicais, entre as que se atopa a CIG, rexistraron este venres no Pazo do Hórreo escritos dirixidos ao goberno español e aos grupos con representación no Parlamento galego, solicitándolles acordos contra o plan de anexión dos territorios ocupados de Cisxordania que promove o Estado de Israel co apio do goberno de Trump; e que estes acordos se materialicen nunha “oposición diplomática directa e contundente en todos os foros internacionais en que sexa necesario”.

A acción ten lugar coincidindo coa conmemoración da Nakba, o "Día da Catástrofe", no que se lembra a expulsión e fuxida de boa parte da poboación palestina dos seus territorios a consecuencia da creación do Estado de Israel.

Dende a plataforma Palestina.gal (que agrupa a diversas organizacións galegas entre as que está a CIG) sinalan a urxencia de actuar a nivel internacional contra o denominado “acordo do século” de Netanyahu-Trump, que significaría a práctica desaparición da Palestina como entidade territorial, pois Israel pretende anexar definitivamente todas as áreas ocupadas ilegalmente en Cisxordania. Unha acción que vulneraría todos os acordos internacionais sobre ocupacións e anexións territoriais e que require dunha resposta internacional contundente.

Polo seu interese, reproducimos o contido do escrito dirixido aos grupos parlamentares galegos

Dirixímonos a vostedes nun momento de máxima dificultade para todos os pobos do mundo, en medio a unha pandemia que nos fixo mudar os hábitos e mesmo o modo como nos relacionamos, mais non as obrigas éticas que nos impomos colectivamente.

Somos unha coordinación galega de organizacións de solidariedade co pobo palestino, nucleadas á volta da causa da Palestina e alertadas pola situación explosiva que se está a vivir naquel país. Diante, máis unha vez, da pasividade do mundo e, tristemente, tamén do goberno do Estado.

Hai 72 anos que Palestina vive baixo unha ocupación mantida pola forza e polas armas. Máis de sete décadas desde que as potencias occidentais decidiron instalar alí colonos, fundamentalmente europeos, co único requisito de profesaren a relixión xudaica. Como colectivo, defendemos o dereito de cada persoa a ter e honrar a súa fe, como non pode ser doutro modo. Mais iso non nos impide comprobar que, en termos históricos, a instalación do Estado de Israel nos Territorios Ocupados da Palestina ten producido unha enorme dor, unha listaxe interminábel de crimes, persecución política contra a poboación local, desenraizamento desta e un longo etcétera de problemas gravísimos.

Agora, coa crise sanitaria e social derivada da pandemia de SARS-CoV2, a situación non fixo máis que intensificar a agresión permanente desde a xenocida Nakba no 1948. En Gaza, o maior campo de concentración do planeta, o sistema sanitario, enfraquecido por un embargo ilegal desde 2013, colapsou completamente hai semanas. Como resultado, os máis de dous millóns de persoas que sobreviven alí encerradas non teñen como se protexer do coronavirus e a taxa de afectación parece imparábel.

Nos barrios do leste de Xerusalén, ocupados militarmente por Israel, os servizos médicos da Autoridade Nacional Palestina nin sequera poden entrar, e aos máis de 150 mil palestinos e palestinas que aínda viven alí tamén se lles nega o acceso aos servizos médicos israelitas. Por tanto, nunca foron examinados, e nin sequera hai cifras da incidencia, o que converte esas persoas en invisíbeis. Como se non existisen.

“A crise sanitaria e social derivada da pandemia, intensificou a agresión permanente desde a xenocida Nakba en 1948”

En Cisxordania, a outra área en que a Palestina foi dividida, a situación non é mellor. Desde que a ANP decretou o estado de emerxencia, producíronse alí máis de 200 incursións violentas de colonos e grupos militarizados israelitas. O resultado destas accións -ilegais á luz de todas as normas internacionais- son máis familias expulsadas das súas casas e das súas terras, máis vítimas mortais nos enfrontamentos contra esta «invasión soterrada», e ducias de civís apresados por Israel e encarcerados nunhas prisións onde, como está a ser denunciado por diversas instancias internacionais, o Estado sionista se nega a proporcionar o máis elemental servizo médico. Non hai datos da mortalidade ou afectación do SARS-CoVID19 nos cárceres israelitas onde se amorean máis de cinco mil presos e presas políticas, crianzas incluídas.

Palestina sofre a mesma pandemia que nós, mais non do mesmo xeito. Nin por acaso! A ocupación ilegal das súas terras, das súas casas, a destrución das súas fábricas, das escolas, dos comercios, xa vén de antes. Muros da vergoña cercan desde hai anos barrios e vilas enteiras da Palestina, atomizándoas e disolvendo o territorio en illas desconexas nas que é imposíbel unha vida normal, e nas que se torna cada vez máis difícil prestar servizos básicos, como o de saúde.

Centenas de check-points dificultan, cando non impiden directamente, a circulación e a mobilidade máis básica, nos campos de refuxiadas, nos guetos das cidades. A miúdo non é posíbel ir da casa ao traballo ou evitar as agresións ás crianzas camiño da escola. Mesmo ambulancias con pacientes son paradas e sometidas a longas filas nas que a poboación se amorea tratando de cruzar un paso militarizado aleatorio. A política de Israel de apoiar baixo pano o establecemento de novos colonatos en Palestina leva décadas perforando un territorio que fica, así, inviabilizado.

“Muros da vergoña cercan barrios e vilas enteiras da Palestina, disolvendo o territorio en illas desconexas nas que é imposíbel unha vida normal”

Non obstante, a nosa chamada de atención non se limita a esta crise. A  nosa urxencia vén da decisión do novo goberno israelí de anexar definitivamente todas as áreas ocupadas ilegalmente en Cisxordania, o chamado "acordo do século" de Netanyahu-Trump, o que significaría a práctica desaparición da Palestina como entidade territorial. A materialización deste crime, que ninguén ampara no plano internacional, que é mesmo condenado pola Unión Europea, e que contradí todos os acordos internacionais sobre ocupacións e anexións territoriais é inminente, se non se pasa das palabras ocas aos feitos.

Por este motivo, pedímoslles, como representantes do pobo galego, un acordo de país que condene formalmente os crimes do sionismo e exixa o establecemento de medidas que conduzan á paz. E tamén que o Parlamento galego inste o goberno español a presentar unha oposición diplomática directa e contundente en todos os foros internacionais nos que sexa necesario.

O mundo non pode continuar fechando os ollos diante dos crimes sionistas e da violación sistemática dos dereitos humanos por parte de Israel. E moito menos pode permitir, sen oporse radicalmente, que a situación continúe empeorando. Levamos décadas de política da omisión e os resultados están aí para seren vistos. O pobo galego tense manifestado masivamente en contra desta impunidade e en solidariedade con pobo palestino. Agora é o momento de que vostedes, como representantes dese pobo, continúen ese esforzo polas canles da política institucional.

Volver