“Pola profesionalización das cociñas da Xunta e polos dereitos do persoal non docente”

A CIG-Autonómica convoca unha manifestación este luns 30 de xuño dende a Consellaría de Educación en Santiago ás 11:00 horas
Nacional - 27 Xun 2025

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación “para reclamar a profesionalización das cociñas xestionadas pola Xunta de Galiza e na defensa dos dereitos do persoal non docente” dos centros de ensino públicos. A marcha arrincará este luns día 30 dende a Consellaría de Educación en Santiago ás 11:00 horas.

As principais demandas do persoal do sector pasan pola negociación dun acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio para todo o persoal non docente, da administración e de servizos dos centros de ensino (PAS).

Polo encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso como laborais de acordo coa LEPG e o EBEP e pola eliminación da Agrupación Profesional e a promoción ao C2. Tamén reclaman a separación das escalas de axudante de cociña e camareira-limpadora e unha estrutura profesional nas cociñas, oficiais de 1º (xefes/as cociña-B), oficiais de 2º (C1) e axudantes (C2). 

Ao tempo que exixen a negociación de ratios para o persoal non docente, subalterno e limpador, “xa que hoxe na pública xa superan aos da privada”, así como a negociación das funcións de todo o persoal non docente dos centros de ensino públicos “e parar así os abusos que sofren”. E a recuperación salarial, rebaixada tras a funcionarización.

“Estamos fartas/os dunha Administración que ignora o persoal que traballa nas cociñas de xestión pública e que vulnera os dereitos do persoal non docente dos centros de ensino, polo que chamamos o conxunto do persoal a participar na manifestación que arrincará dende os edificios administrativos de San Caetano, e para a que haberá autobuses dende as comarcas”.