Política Social desatende a problemática laboral que afecta a calidade asistencial dos centros que xestiona

A CIG obrigou a conselleira a dar explicacións no Parlamento galego
Nacional - 12 Nov 2019

A conselleira de Política Social fixo hoxe caso omiso das advertencias a respecto da problemática laboral que repercute negativamente na calidade asistencial dos centros da súa competencia, entre eles os de maiores e os de menores. A comparecencia de Fabiola García produciuse a petición dos grupos parlamentarios da oposición, aos que o sector de Autonómica da CIG-Administración lles trasladou a situación real dos cadros de persoal e da atención aos usuarios/as.

Dende a central denuncian que a comparecencia da titular de Política Social foi exercicio de demagoxia e de propaganda electoral e lamentan que se centrase case unicamente en louvar as bondades das donacións privadas por parte da Fundación de Amancio Ortega mediante a que se crearán sete novos centros nas principais cidades do país. “O que non precisou en ningún momento, a pesar de que se lle interpelou en distintas ocasións, foi se a xestión dos centros vai ser pública ou privada”, critican.

Ao mesmo tempo, sinalan que García “botou man de datos moi cuestionábeis para xustificar a situación actual de falta de persoal e das condicións laborais de pseudo explotación que padecen as traballadoras/es”. Lembran que o propio Consello de Contas de Galiza recoñece a non substitución de persoal. “Tras inspeccionar só 10 centros constatou que había da orde de 10.022 días sen substitucións de persoal (vacacións, permisos, etc.), o que equivalería á contratación de 7 enfermeiras/os e 40 Tecae”.

En canto ao ratios de persoal nos centros, a CIG sostén que a Consellaría falsea os datos para dar a entender que se cumpren. Ademais, a adaptación de postos de traballo tampouco se cubre co persoal necesario, xa que o aumento de traballadoras/es con problemas físicos derivados da excesiva carga de traballo, e que como consecuencia están limitadoas/os laboralmente, non é cuantificado nin cuberto, o que aumenta a carga de traballo do conxunto do persoal.

“A isto hai que sumar que os cadros de persoal están cada vez máis envellecidos e que usuarias/os son máis dependentes pola súa maior idade”. Como consecuencia, é a Consellaría que maior número de baixas e sinistralidade laboral rexistra.

Recorte de dereitos

A maiores, estes centros atenden a persoas con distintos tipo de patoloxías, mesmo psiquiátricas, que non teñen que ver coa problemática da terceira idade. Isto é así porque se fan cargo dos pacientes derivados dos centros especializados que foron desmantelados. “Nin os centros nin o persoal están preparados para atender este tipo de problemáticas”, aseguran.

O persoal perdeu 22 días de compensación anual, polo que a Xunta aforrou a contratación de 800 persoas

Tamén fixeron fincapé no feito de que como consecuencia dos recortes na administración pública coa escusa da crise suspendeuse o artigo 19 do convenio de persoal laboral, que entre outras cuestións, compensaba en descanso o traballo realizado en domingos e festivos. “Isto provoca xornadas laborais extenuantes”.

Segundo a CIG, o persoal destes centros gozaba dunha media de 22 días de compensación anual, “polo que estamos a falar de que se aforraron a contratación de 800 persoas”. Polo tanto, esta carga de traballo recae no persoal actual. “A oposición reclamoulle que volvese a recuperar este artigo xa que non se cansan de repetir que economía galega vai ben, e tendo en conta que ademais estas medidas da Xunta eran supostamente de carácter provisional”.

Como exempo da precariedade que padece o persoal desta Consellaría, lembraron que moitas persoas optan pola suspensión de chamamentos na lista de contratación. Finalmente, dende a oposición instaron a conselleira a recibir as delegadas/os sindicais da CIG e traballadoras/es dos centros presentes na sesión para que lle transmitiran de primeira man a realidade dos centros, pero fixo caso omiso.