Pontevedra e A Coruña acollen protestas contra o ERE no Banco Santander

A CIG-Banca mobilizouse contra o plan da entidade, que contempla 4000 rescisións de contrato
Pontevedra/A Coruña - 24 Nov 2020

A federación de Banca da CIG desenvolveu hoxe unha intensa xornada de protestas en Pontevedra e na Coruña para rexeitar o ERE no Banco Santander, que contempla arredor de 4000 novas rescisións de contrato. “Os despidos, para os directivos!”, “Non ao ERE no Santander” e “O noso sacrificio, o seu beneficio” foron as consignas que máis se escoitaron durante as concentracións celebradas diante das principais oficinas.

Segundo explicou a secretaria nacional da CIG-Banca, Sefi Romero, que participou na mobilización de Pontevedra, a entidade prevé agora 5090 novas saídas, das que 1100 serían a través de recolocacións noutras empresas do grupo, flexibilidade interna ou mobilidades xeográficas a 400 quilómetros. Romero cuestionou estas supostas recolocacións porque, segundo explicou, “temos detectado, nunha das grandes recolocacións anteriores, que se derivou o persoal a outra empresa do grupo que despois pechou, como ocorreu no Santander Operacións”.

Romero lembra que o Santander xa aplicou un ERE o ano pasado que finalizou o 31 de marzo deste ano. A esa altura o cadro de persoal da entidade era de 1806 persoas en Galiza. Con respecto a 2018 isto supuxo unha redución de 304. Desde aquela aínda se reduciu máis o cadro de persoal por medio de despedimentos e prexubilacións, quedando en 1776 persoas.

Ao mesmo tempo, alertou do importante impacto que vai ter este novo ERE que se cerne sobre o persoal. “Moitos municipios van quedar sen servizos tan importantes como o financeiro. O Santander escúsase en que hai unha grande dixitalización entre a clientela, cando sabemos que é unha dixitalización forzada. Ao banco non lle interesa ter á súa clientela nas oficinas e todo o deriva á banca online”.

Dixitalización forzada

Asegura que a entidade aproveitou ademais a pandemia para forzar aínda máis esa dixitalización forzada e alertou da “dependencia que isto vai provocar en moitas persoas que non son capaces de entender como funciona a banca dixital e que terán que recorrer á súa familia ou ben a asociacións de axuda”.

Unha dependencia na que inflúe tamén que moita xente non teña non xa os coñecementos necesarios para manexarse online, senón mesmo ordenador, internet ou teléfono móbil.

Neste senso, sinalou que no ano 2017, cando o Santander comprou por un euro os bancos Popular e Pastor, había en Galiza 415 oficinas: 207 do Pastor, 171 do Santander e 37 do Popular. Cos procesos de fusión, en novembro de 2020 só quedaban 234 oficinas: 102 na Coruña, 30 en Lugo, 27 en Ourense e 75 en Pontevedra.

O número de peches previstos en Galiza con este novo ERE sería de 79 oficinas, o 33,76% da rede actual. Peches dos que non se sabe aínda onde se producirán, aínda que segundo os seus cálculos afectarán a unhas 32 oficinas na Coruña, 17 en Lugo, 9 en Ourense e 23 en Pontevedra.

Maite Freire, delegada da CIG na Coruña, apuntaba que moitas destas oficinas que pecharán agora por motivos económicos, xa foran pechadas en marzo alegando a empresa que se cerraban por motivos de seguridade para o persoal. "Pero estas oficinas que pecharon coa escusa da pandemia, son as que xa non van abrir por causa deste ERE", subliñou.

A hipocrisía do banco

A este respecto, Freire criticou a hipocrisía da presidenta do Santander, Ana Patricia Botín, quen nunha intervención ante membros da patronal española, aseguraba que desta crise só se pode saír mantendo o emprego "e uns meses despois o banco vai despedir a máis de 5000 empregadas e empregados. Unha vez máis, o custe da crise ímolo pagar a clase traballadora".

Freire insistiu no inxustificado do ERE, tendo en conta que dende hai dous anos, "o persoal ten instrucións específicas, obxectivos e incentivos para non permitirlle ás clientas e aos clientes entrar nas oficinas, e dixitalizalos con independencia da idade que teñan,  e se non saben ou non poden, as instrucións son que pidan axuda a familiares. E agora esta dixitalización forzada é a que poñen enriba da mesa para xustificar, en plena pandemia, estes novos despedimentos", denunciou.