Por que as mulleres cobran menos e teñen peores pensións: fenda ou cegueira de xénero?

Carmen Grau Pineda - 20 Ago 2020

É necesario un compromiso férreo para superar definitivamente cantas fendas de xénero existen, e de apostar por medidas compensatorias das diferenzas. Corrixir a fenda de xénero nas pensións é fundamental para resolver outras gravísimas, como a da pobreza e a vulnerabilidade social

 A fenda salarial que existe entre homes e mulleres preocupa e está cuantificada. No Estado español é de case un 12%, mentres que a media europea sitúase por volta do 14%. Porén, pasa desapercibida outra fenda de xénero aínda máis ampla, a fenda pensional, cuantificada no Estado español en torno ao 34%. A sexta maior cifra da UE, onde a media se sitúa nun 37%.

 Por que é tan urxente dar unha interpretación de xénero aos sistemas de protección social? Porque as reformas efectuadas até o de agora resultaron xa non regresivas senón “cegas” á perspectiva de xénero.

 Vincular as pensións ás traxectorias laborais ou ampliar os períodos de cotización necesarios para acceder ás pensións prexudica principalmente as mulleres. Elas cotizan un 40% menos que os homes e adoitan ter cotizacións menores na súa vida laboral activa.

Está a igualdade no mercado de traballo garantida por lei ?

 Non é un problema de falta de regulación. Ninguén pon en dúbida a igualdade formal que garante a Constitución, o que queda por conquistar é a igualdade real. En pleno século XXI as mulleres deben poder incorporarse ao mercado de traballo sen sufrir rumbos de xénero como a informalidade, a precariedade ou a parcialidade.

 Tamén é necesario que mulleres e homes se impliquen por igual nos coidados familiares (de menores e de maiores dependentes). Isto, a través do recoñecemento de dereitos de titularidade neutra, é dicir, que permisos, licenzas, reducións de xornadas e excedencias sexan exercidos tanto por mulleres como por homes.

Cales son os problemas das mulleres pensionistas?

 No Estado español as pensións de xubilación e as de viuvez son unha boa ferramenta para observar as diferenzas de xénero no sistema de pensións.

 As pensións contributivas de xubilación das mulleres españolas apenas representan unha pequena porción das pensións deste tipo que concede o Sistema da Seguridade Social e, ademais, son de menor contía que as dos homes.

 En 2019 o Sistema da Seguridade Social pagaba case 10 millóns de pensións no Réxime Xeral da Seguridade Social (RGSS), das que 6 millóns son pensións de xubilación: o 63,25% corresponden a homes e o 36,75% a mulleres. Se o importe medio é de 1.137,81 euros ao mes, as dos homes ascendían a 1.312,42 euros ao mes, mentres que as das mulleres apenas chegaban aos 858,21 (un 34,61 % menos).

 As novas xubiladas seguen cobrando pensións inferiores ás dos novos xubilados. No entanto, a diferenza entrambos os importes (1.480,30 euros ao mes para os homes e 1.155,14 para as mulleres en 2019) e o número de novas altas (máis do millón e medio de homes fronte a pouco máis do millón de mulleres en 2019) fóronse reducindo progresivamente.

 Isto débese ao aumento da lonxevidade, é dicir, ao incremento de xubilados e xubiladas de maior idade, polo aumento na esperanza de vida xa non só ao nacer, senón a partir da idade de xubilación e, especialmente, máis aló dos 85 anos.

As particularidades da pensión de viuvez

 A pensión de viuvez é unha pensión derivada, que xera a persoa que falece e que, segundo as estatísticas demográficas, adoita ser o home por contar cunha esperanza de vida inferior á das mulleres. Estas pensións representan un 24,2% do total.

 As pensións contributivas de viuvez que perciben as mulleres teñen un importe medio superior ás dos homes, basicamente porque son pensións derivadas e non propias. Tamén son superiores aos das pensións xeradas polas achegas propias do traballo da muller para a súa pensión de xubilación.

 Estamos entón ante unha fenda de xénero en pensións invertida. Dos pouco máis de 2 millóns de pensionistas por viuvez que había en 2019, o 84% eran mulleres. O importe medio das pensións de viuvez das mulleres andaba polos 810,49 euros/mes, mentres que o dos homes apenas superaba os 465,25 euros/mes.

Son as pensións de viuvez cruciais na protección social das mulleres que non contan con pensións propias de xubilación?

 As pensións de viuvez gozan de gran protagonismo no debate sobre a modernización do sistema de pensións. Nas últimas modificacións normativas non se tiveron en conta os efectos da incorporación da muller ao mercado de traballo. Quizais sexa por temor ao descontento social que causaría, pois, a pesar de que cambiou o modelo sociocultural do país, moitos cidadáns entenden que se trata dun dereito inherente ás mulleres que non traballaron fóra de casa.

 Así, razóns electoralistas poñen atrancos a unha reforma do sistema de pensións que se adapte á realidade vixente, e impiden avaliar opcións como:

- Considerar incompatíbel a pensión de viuvez coa de xubilación e/ou co salario (non se xustifica a necesidade derivada).

- Desprazar a pensión de viuvez a un nivel non contributivo ou asistencial de protección social (xa sexa modificando a súa natureza ou a súa fonte de financiamento), destinado a protexer a persoas en situación de necesidade.

 Probabelmente será preciso esperar a que a incorporación feminina ao mercado laboral alcance maiores cotas que as actuais para proceder a estes cambios, tan necesarios para o mantemento do sistema e a coherencia cos seus principios.

 A pensión de viuvez cumpriu a función que lle foi asignada hai 50 anos, pero non ten sentido mantela para mulleres que non estiveron sometidas á clásica repartición de roles: traballo produtivo (o home como provedor) vs. traballo reprodutivo (exclusivo das mulleres).

Que papel xogan as pensións non contributivas na protección social das mulleres?

 Desde a instauración das prestacións non contributivas as mulleres foron o principal colectivo beneficiario destas pensións.

 En 2019, e mantendo unha constante ao longo de case tres décadas de aboamento destas pensións, as mulleres constituíron o 65% dos perceptores destas pensións e, se falamos de pensións non contributivas por xubilación, esa porcentaxe elévase até o 75%

 Estas porcentaxes mostran a peaxe que tiveron que pagar as mulleres nunha sociedade machista que impediu ben que se integrasen no sistema, ben que obtivesen o número de cotizacións suficientes para accederen por si mesmas á protección que proporciona o Sistema de Seguridade Social.

 A metade da poboación do mundo xa non está disposta a perpetuar os rumbos de xénero que historicamente prexudicaron as mulleres. Este debe ser un compromiso coas xeracións futuras de mulleres e homes.

 É necesario un compromiso férreo para superar definitivamente cantas fendas de xénero existen, e de apostar por medidas compensatorias das diferenzas.

 Corrixir a fenda de xénero nas pensións é fundamental para resolver outras gravísimas, como a da pobreza e a vulnerabilidade social.

 

[Artigo tirado do sitio web The Converstation, do 16 de agosto de 2010]