Por que Davos sobreviviu a Porto Alegre?

Emir Sader -

Convocamos o Foro Social Mundial de Porto Alegre para axuntar a todos os que discrepaban do Foro Económico Mundial de Davos. A contraposición entre o social e o económico xa indicaba un horizonte distinto entre os dous Foros

 O Foro Económico Mundial de Davos reinaba soberano nos anos de predominancia eufórica do neoliberalismo no mundo. Era a expresión do impresionante éxito con que xurdía o modelo neoliberal en todo o mundo.

 O escenario previo, o cambio de páxina máis impresionante no mundo, desde as reaccións á crise de 1929. Pero, a diferenza daquel momento, que decretaba o funeral do liberalismo, considerado responsábel pola crise, esta vez era o renacemento do liberalismo, baixo nova forma, pero reafirmando os seus principios básicos.

 A urxencia espectacular do neoliberalismo recargado arrastrou non soamente a dereita conservadora tradicional, senón tamén ás correntes socialdemócratas e mesmo a forzas nacionalistas. A tan pregoada superación da polarización entre dereita e esquerda parecía concretarse, así como a fin da historia e a imposición transversal do Consenso de Washington.

 Naquel momento, o máximo que se lograba era facer manifestacións fronte ao Foro de Davos, que era o espello mundial das grandes personalidades globais. Como moito, lográbase reunir un certo número de persoas abaixo, mentres os outros subían cara a Davos e ocupaban os grandes espazos dos medios do mundo.

 De súpeto, na medida en que foron xurdindo crises en gobernos neoliberais -México, Brasil, Arxentina, Corea do Sur, entre outros -, foi posíbel erguer, modestamente, bandeiras alternativas. O mesmo lema con que lanzamos o Foro Social Mundial de Porto Alegre, apenas sinalaba que “Outro mundo é posíbel”, simplemente combatendo a idea de que a historia tendería a unha soa canle. Nin se dicía que mundo era posíbel, malia que se anunciaba que outro mundo, distinto ao do neoliberalismo, era posíbel.

 Convocamos o Foro Social Mundial de Porto Alegre para axuntar a todos os que discrepaban do Foro Económico Mundial de Davos. A contraposición entre o social e o económico xa indicaba un horizonte distinto entre os dous Foros.

 Porto Alegre foi escollida, en primeiro lugar, por estar no Sur do mundo. En segundo lugar, porque Brasil era o país sede dunha esquerda que resistía ao neoliberalismo, co PT, a CUT, o MST, Lula. En terceiro lugar, porque Porto Alegre propugnaba unha forma distinta de administración pública, cos orzamentos participativos.

 Cabían forzas distintas, de movementos sociais a ONG, pasando por intelectuais europeos, norteamericanos, latinoamericanos, asiáticos e africanos. Mais a Carta aprobada polo FSM xa predicía os seus límites, expresos na ausencia de partidos políticos. Era a influencia liberal, promovida polas ONG e por intelectuais do Norte do mundo, que terminaría condenando o futuro do FSM.

 Habia unha identificación coa “sociedade civil”, en contraposición ao Estado, repetindo o esencial do pensamento liberal. O antiestatismo era o responsábel pola ausencia de partidos políticos e, máis tarde, dos gobernos antineoliberais latinoamericanos.

 O pensamento que propuña “cambiar o mundo sen tomar o poder”, de John Holloway, intelectual europeo identificado co zapatismo; as teses de Toni Negri que condenaban o Estado como forza conservadora; as posicións doutros intelectuais europeos, como Boaventura de Sousa Santos, entre outros, que propuñn a centralidade da sociedade civil en contra do Estado, asumidos por gran parte das ONG, impuxéronse e condenaron o FSM á intranscendencia e á impotencia.

 Forzas políticas que adheriron á polarización sociedade civil/Estado, que a propugnaron mediante as teses da “autonomía dos movementos sociais, renunciando á disputa hexemónica na sociedade, como os piqueteros arxentinos e o zapatismo mexicano, desapareceron ou perderon forza.

 Mais a loita antineoliberal avanzaba e seguía por outras vías. A elección de gobernos como os de Hugo Chávez, de Lula, de Néstor Kirchner, da Fronte Ampla, de Evo Morales, de Rafael Correa, indicaba que, para a superación do neoliberalismo, se necesitaba do Estado. Como promover a centralidade das políticas sociais, sen gobernos que se valesen do Estado para poñelas en práctica? Como afirmar a solidariedade internacional entre eses gobernos, sen un Estado forte? Como financiar as políticas sociais sen bancos estatais fortes?

 Mentres as correntes predominantes no FSM se confundían coas teses do Estado mínimo do mesmo neoliberalismo, gobernos antineoliberais fortalecían o Estado e avanzaban na construción de políticas sociais, de desenvolvemento económico e distribución de renda, de soberanía externa.

 Nun mundo en que o neoliberalismo se esgotou, poderíase esperar que o FSM de Porto Alegre representase o antineoliberalismo. Pero o FSM practicamente desapareceu, polas posicións políticas erradas que predominaron, mentres o FEM de Davos se flexibilizaba, para incorporar temas ecolóxicos e mesmo de loita en contra a desigualdade. Entrementres, as forzas que representan o proxecto orixinal de Porto Alegre, son partidos políticos, gobernos e Estados democráticos e populares.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 11 de febreiro de 2020]

Volver