Por que Europa debe abordar o problema da desindustrialización nociva

Charlotte Sophia Bez e Lorenzo Feltrin - 24 Mai 2024

O quid do cambio dunha desindustrialización nociva gris a unha verde é garantir unha transición xusta aos traballadores e traballadoras que corren o risco de quedar sen emprego debido ás tecnoloxías máis limpas e que aforran man de obra, xa que a eficiencia ambiental e laboral adoitan ir da man

 O problema da desindustrialización nociva –desindustrialización do emprego en zonas onde seguen funcionando industrias significativamente nocivas– é unha realidade mundial; e Europa non é unha excepción.

 Nas dúas últimas décadas, segundo estimacións da OIT, a proporción da industria manufactureira no emprego total da Unión Europea caeu do 24% ao 15%, un descenso que partiu dun punto moito máis alto nos anos setenta. A pesar desta caída, e a pesar da mellora dos niveis tecnolóxicos, a crise ecolóxica provocada pola produción industrial agravouse debido ao crecemento da produción material e ao carácter acumulativo da degradación ambiental.

 A cartografía da contaminación industrial europea e os seus efectos socioeconómicos mostra que a desindustrialización nociva non se produce de maneira uniforme no espazo. Pola contra, a normalización do dereito a contaminar baseado no poder económico mantén e reforza unha xeografía de lugares abandonados onde a privación social e a exposición a contaminantes nocivos van da man e afianzan a inxustiza espacial.

 Lugares como Taranto, no sur de Italia, ou Lusacia, en Alemaña do Leste, comparten a experiencia de bloqueos produtivos e sociais que conducen ao abandono rexional. Este proceso está impulsado pola desindustrialización do emprego unida aos impactos tóxicos sostidos pola actividade industrial, como a produción de aceiro ou as centrais eléctricas de lignito. Con todo, a desindustrialización nociva ten máis dunha cara. De feito, dos datos despréndense dous patróns distintivos, que denominamos desindustrialización nociva gris e desindustrialización nociva verde.

A desindustrialización nociva gris

 A desindustrialización nociva gris prodúcese ao redor de fábricas caracterizadas pola falta de investimento nas mellores tecnoloxías dispoñíbeis necesarias para reducir as emisións contaminantes. As industrias con tecnoloxías atrasadas contaminan máis, pero substitúen a menos traballadores, polo que a desindustrialización nociva gris é máis nociva e menos desindustrializadora que o seu equivalente verde.

 Porén, trátase dunha desindustrialización, xa que nestas rexións a proporción de emprego no sector manufactureiro segue diminuíndo con respecto ao seu máximo histórico. En parte, este descenso pode deberse á deslocalización a países con salarios máis baixos, pero, na medida en que as fábricas nocivas permanecen no seu lugar, explícase polo feito de que mesmo o tardego cambio tecnolóxico ten importantes efectos de redución de man de obra ao longo das décadas.

 As zonas de desindustrialización nociva gris adoitan estar nas rexións de renda máis baixa, adoitan estar especializadas en industrias contaminantes, pouco diversificadas e de baixa complexidade, e adoitan ter unha baixa relación capital-traballo, o que fai menos rendíbel a adopción de innovacións de tecnoloxía limpa. Nestes lugares tardegos, a presenza de fábricas contaminantes ten un impacto positivo no emprego e os niveis salariais do sector manufactureiro, pero negativo no mercado laboral rexional no seu conxunto.

 Estes lugares abandonados atópanse atrapados nas súas pobres traxectorias económicas mentres lidan cun medio ambiente moi deteriorado debido á contaminación sostida. O resultado é unha dependencia respecto da especialización industrial nociva, que fai que a man de obra manufactureira dependa de fábricas contaminantes e en descomposición. Moitos lugares abandonados seguen dependendo de industrias pesadas que procesan metais, minerais, carbón e outras materias primas con tecnoloxías anticuadas. As principais contaminantes adoitan ser empresas atípicas de baixa eficiencia dentro do seu sector. A falta de alternativas fai que as e os traballadores e as súas familias marchen. De feito, as zonas de desindustrialización nociva gris caracterízanse fortemente polos fluxos migratorios netos de saída.

 Taranto é un dos exemplos máis graves de desindustrialización nociva gris da Europa actual. Alí, a cota local de emprego manufactureiro en 1971 era do 37%. En 2011, esta cifra caera ao 16% e hoxe debe ser inferior. A pesar diso, a aceiría Ex ILVA de Taranto segue funcionando, con maquinarias obsoletas que liberan a diario cantidades extremas de emisións canceríxenas.

 Así pois, a poboación de Taranto enfrontouse tanto a unha grave contaminación tóxica procedente das fábricas activas como a unha diminución dos postos de traballo nestas. Con todo, como esa actividade industrial dificultou a creación de empregos alternativos, unha parte considerábel da poboación activa segue dependendo do emprego de Ex ILVA para subsistir, mentres que a incidencia do cancro e outras patoloxías, superior á media, segue sendo unha realidade.

A desindustrialización nociva verde

 A desindustrialización nociva verde ten lugar ao redor de industrias contaminantes dotadas de tecnoloxías punteiras. Neste caso, a contaminación redúcese considerabelmente, mais tamén os postos de traballo nas fábricas, xa que a tecnoloxía verde adoita ter efectos substanciais de aforro de man de obra. Así pois, a desindustrialización nociva verde é máis desindustrializadora e menos nociva que a desindustrialización nociva gris. Ademais, a desindustrialización nociva verde ten efectos positivos indirectos no conxunto da economía rexional grazas á innovación, a diversificación económica e o aumento dos empregos verdes.

 Porén, a desindustrialización nociva verde segue sendo nociva. En primeiro lugar, trátase de industrias –como a dos combustíbeis fósiles– que son insostíbeis, independentemente de que utilicen ou non as mellores tecnoloxías dispoñíbeis. En segundo lugar, as solucións tecnolóxicas verdes na industria a grande escala víronse contrarrestadas pola natureza acumulativa da degradación ambiental, de xeito que as modestas melloras son inadecuadas para abordar a nosa situación crítica actual. En terceiro lugar, o aumento da eficiencia nun modo de produción baseado no crecemento infinito das mercadorías vese frustrado polo chamado paradoxo de Jevons, segundo a cal unha maior eficiencia non se traduce nun menor consumo, porque –a medida que baixan os prezos– medra a demanda e tamén a produción material.

 A conca do Ruhr, outrora un complexo polo de crecemento industrial especializado no carbón, o ferro e o aceiro, é exemplar da desindustrialización nociva verde en moitos aspectos. Co peche das minas de carbón e o aumento da competitividade dos mercados siderúrxicos, desapareceron miles de postos de traballo manuais, pero estas perdas compensáronse cunha reestruturación económica exitosa grazas á creación de empregos de servizos de boa calidade.

 Deste xeito, a conca do Ruhr transformouse nun centro de industrias e coñecementos ecolóxicos, cun importante volume de emprego en investigación e desenvolvemento de tecnoloxías verdes; con frecuencia, considerouse un modelo exitoso das transicións enerxéticas de baixas emisións de carbono. Con todo, esta narrativa oculta grandes disparidades rexionais (a revitalización e a diversificación económicas non se adoptaron de forma universal), así como o feito de que moitos complexos industriais insostíbeis, especialmente nas industrias enerxética e siderúrxica, seguen funcionando na zona.

Máis aló da nocividade?

 As pautas de desindustrialización nociva verde e gris que acabamos de esbozar danse con distintos graos de intensidade e pureza en diferentes localidades, e ás veces coexisten elementos de ambas nas mesmas zonas. Sen dúbida, a desindustrialización nociva verde é preferíbel á desindustrialización nociva gris porque ofrece mellores resultados en materia de saúde e medio ambiente, e aínda que se perdan postos de traballo nas fábricas, a reconversión económica e a recualificación poden xerar –si teñen éxito– empregos mellor remunerados e menos nocivos nos servizos intensivos en coñecemento e nas industrias de alta tecnoloxía.

 Isto demostra que o dilema emprego-medio ambiente non é ineludíbel. Con todo, o quid do cambio dunha desindustrialización nociva gris a unha verde é garantir unha transición xusta aos traballadores e traballadoras que corren o risco de quedar sen emprego debido ás tecnoloxías máis limpas e que aforran man de obra, xa que a eficiencia ambiental e laboral adoitan ir da man. As transicións xustas nos lugares tardegos requiren a participación das partes interesadas –sobre todo os sindicatos e as organizacións comunitarias–, así como unha redistribución compensatoria para os que, doutro xeito, quedarían atrasados pola política ambiental.

 Porén, o problema segue sendo o nocivo da desindustrialización verde. A desindustrialización nociva verde é verde só porque contamina menos que o seu parente gris, pero isto non significa que as solucións tecnolóxicas sexan suficientes para abordar a crise ecolóxica. En última instancia, a desindustrialización nociva verde é a expresión da política industrial do capitalismo verde, e comparte as limitacións deste último, a máis crucial das cales é que ningunha tecnoloxía pode borrar a nocividade dunha produción mercantilizada en continuo crecemento.

 Por exemplo, a electrificación é agora o emblema da procura do capitalismo verde para alcanzar cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050. Con todo, a dixitalización e a descarbonización –a chamada dobre transición– están a provocar unha explosión da demanda de metais. Esta perspectiva é alarmante, xa que desencadeará unha maior estratificación das desigualdades ambientais e sociais. Desde unha perspectiva global, se persiste o statu quo actual de extractivismo neocolonial e consumo desigual, o resultado será unha profundación totalmente insostíbel do produtivismo e a inxustiza, aínda que con menores emisións de dióxido de carbono.

 En resumo, as transicións xustas necesarias para superar a crise ecolóxica terán que abranguer mudanzas tanto na tecnoloxía como nas relacións sociais, facendo retroceder as fronteiras da produción mercantilizada. Dado que a clase traballadora é a máis afectada pola contaminación e o seu impacto nos mercados laborais, ten un enorme interese material en desenvolver a conciencia de clase ecolóxica necesaria para levar a cabo estas transformacións.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 29 de abril de 2024]