Por que vai tan ben a economía chinesa e por que é positivo?

Marc Vandepitte - 13 Mar 2024

A economía chinesa enfróntase a algúns retos importantes, pero malia o avellentamento da poboación e a crecente hostilidade de Occidente, tanto en termos de investimento como de comercio, o país segue alcanzando unhas taxas de crecemento coas que nós só podemos soñar. Neste artigo analizamos as razóns deste espectacular crecemento que dura xa varias décadas. Tamén analizamos por que é positivo e cal sería a mellor resposta europea.

Maratón de desenvolvemento

 Primeiro os feitos. Hai 75 anos, ao nacer a República Popular, China era un dos países máis pobres do mundo. Era un país agrario, subdesenvolvido e insignificante na economía mundial. O PIB per capita era a metade que o de África e unha sexta parte que o de América Latina.

 Desde aquela, o país embarcouse nun maratón de desenvolvemento a ritmo dunha carreira de 100 metros. O crecemento económico dos últimos 40 anos é o maior e máis duradeiro da historia mundial. Durante ese período o PIB por habitante aumentou un abraiante factor de 50, o que supón un incremento do 10% anual. Desde hai pouco o patrimonio medio dun chinés supera o dun europeo (se se inclúen as rexións meridionais e orientais de Europa continental).

 En 1949 a economía chinesa representaba o 4,5% do produto mundial. Na actualidade é un 19% (expresado en dólares PPA), é dicir , 4 puntos porcentuais máis que os Estados Unidos. Se nos fixamos na produción industrial, é aínda máis impresionante. En 1990 a cota de China na produción industrial mundial era do 2,5%. Na actualidade, é do 35%, igual á suma das 10 economías industriais seguintes xuntas.

Gráfico: Geopolitical Economy

 En canto á produción industrial do futuro -a produción ecolóxica-, China é o líder absoluto. En 2021 agregou máis capacidade eólica mariña que o resto do mundo no cinco anos anteriores xuntos. Na produción de paneis solares deixa moi atrás a todos os países (ver gráfico) e para 2030 o país producirá máis do dobre de baterías eléctricas que todos os demais países xuntos.

 O país tamén conseguiu manter a súa economía durante as tempestades dos últimos 25 anos: a crise financeira asiática de 1997, a crise das puntocom de 2001, a crise do SRAS en China, a gran crise financeira de 2008 e, máis recentemente, a crise da COVID.

 Ao comentar a crise de 2008, o ex xornalista do Financial Times Richard McGregor escribiu que "China estaba mellor equipada que calquera outro país do mundo para facer fronte á repentina recesión".

 O crecemento non é só cuantitativo, senón tamén cualitativo. Tecnolóxica e cientificamente déronse grandes avances. Hoxe en día as empresas chinesas son moi recoñecidas como líderes ou punteiras mundiais en equipos de telecomunicacións 5G, trens de alta velocidade, liñas de transmisión de alta tensión, fontes de enerxía renovábeis, vehículos con novas fontes enerxéticas, pagamentos dixitais, intelixencia artificial e moitos outros ámbitos.

Boa cousa

 A expansión económica tamén se manifesta cara ao exterior. China é a principal locomotora da economía mundial, cun 35% do crecemento total o ano pasado. Moitos países, entre eles países de Europa e os Estados Unidos, benefícianse desta función locomotora. En 2023 China era o socio comercial máis importante duns 120 países e o prestamista máis importante para moitos.

En 2023, China representaba o 35% do crecemento económico mundial, cinco veces máis que Europa. Gráfico: FMI

 E, por suposto, está a Iniciativa "Belt and Road", a nova Ruta da Seda, que supón centos de investimentos, empréstitos, acordos comerciais e ducias de Zonas Económicas Especiais, por valor de 900.000 millóns de dólares. Esténdense por 72 países, cunha poboación total duns 5.000 millóns de persoas ou o 65% da poboación mundial.

As novas Rutas da Seda. Mapa: Irán Internacional

 Tamén está a crecente cooperación cos países do Sur no marco do BRICS plus, no que hai ademais moitos experimentos para se desfacer do dominio do dólar facendo que as transaccións comerciais se realicen en moedas locais.

 Os países do Sur Global aproveitan moito a expansión económica. Bríndalles a oportunidade de se libraren da dominación occidental e romper por fin co colonialismo, esta vez economicamente. Os actores financeiros e económicos dominantes en Occidente obsérvano con consternación, razón pola cal existe unha crecente hostilidade cara ao xigante asiático (véxase máis adiante).

 Con todo, o ascenso económico de China tamén é positivo para os países do Norte. Os produtos chineses baratos manteñen baixa a inflación, e podemos vender moitos dos nosos bens e facer moitos investimentos a este enorme mercado.

Receita

 Os principais ingredientes do milagre chinés de crecemento son os seguintes:

  1. Agricultura. Ao comezo da revolución aboliuse o latifundio e distribuíronse terras de labranza aos agricultores. Tamén se estabeleceu un sistema de rexistro persoal (Hukou). Isto permitiulles evitar o típico éxodo rural caótico da maioría dos países do Terceiro Mundo, que xera a unha masiva man de obra informal e improdutiva.
  2. Política social. O investimento en educación, sanidade e seguridade social foi relativamente alta desde un principio. Isto garante traballadores sans e cualificados, o que mellora a produtividade.

 Os salarios seguen en gran medida o crecemento da produtividade, o que leva á paz social no lugar de traballo por unha banda e, por outra, á creación dun mercado interior amplo e dinámico.

  1. Infraestrutura, tecnoloxía e I+D. China está plenamente comprometida coa construción de infraestruturas, a "Investigación e Desenvolvemento" e o desenvolvemento de tecnoloxía (punta), que son as condicións básicas para calquera progreso económico. En 2018 China superou os Estados Unidos en número de publicacións científicas e en 2019 ocorreu o mesmo co número de patentes. Actualmente, gradúanse en China catro veces máis estudantes en Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas que nos Estados Unidos.
  2. Apertura. En comparanza con outros países emerxentes, China está máis aberta ao investimento estranxeiro e ao comercio exterior desde 1978. O amplo e relativamente barato mercado laboral atraeu a moitos investidores estranxeiros que se benefician dos custos laborais (polo de agora) máis baixos e do amplo mercado interior.

 Tanto o investimento estranxeiro como o comercio exterior non son fins en si mesmos, senón que están en función de obxectivos económicos globais e do seu propio desenvolvemento, abonda con pensar na transferencia de tecnoloxía. A nova Ruta da Seda tamén contribúe hoxe á expansión económica.

  1. Política estábel. En comparanza con moitos outros países do Sur global, China mantivo unha política económica relativamente estábel e isto contribuíu a aumentar a confianza dos investidores tanto nacionais como estranxeiros.
  2. Xeopolítica. Á parte do incidente na raia coa India en 2020, o país xa leva décadas en paz. Isto favorece o clima económico, tanto en termos de investimentos como de comercio. Ademais, a diferenza da Unión Soviética, China non se embarcou nunha carísima carreira armamentística cos Estados Unidos.
  3. Planificación e dirección. O modelo de desenvolvemento económico de China está dirixido en gran medida polo Estado, aínda que sexa unha criatura de moitas cabezas (véxase o seguinte punto). Os sectores chave da economía están en mans do goberno, xa sexa central ou local. Ademais, o goberno controla indirectamente a maioría dos outros sectores, entre outras cousas a través da presenza reitora do Partido Comunista na maioría das empresas medianas e grandes.

 Un plan quinquenal crea un marco favorábel para unha política industrial sólida que axude a China a escalar cara a niveis máis altos de valor engadido na produción. O modelo tamén inclúe bancos estatais que conceden empréstitos en condicións favorábeis a industrias estratéxicas.

 Esta dirección e planificación permite mobilizar eficazmente aos produtores do país en prol de obxectivos estratéxicos. Así chegou tamén un plan e unhas directrices estritas do goberno central para dar prioridade á industria solar. Poucos anos despois China domina este sector. Esta forza de mobilización emprégase actualmente no desenvolvemento de semicondutores para contrarrestar o boicot e as sancións estadounidenses neste sector.

  1. Descentralización e forzas do mercado.

A pesar de que moitos pensan que China ten unha economía de xestión centralizada, en realidade ten un dos sistemas máis descentralizados do mundo. Os gobernos locais gozan dun notábel grao de autonomía e xestionan o 85% do gasto público total. Nos países da OCDE a media é só do 33%.

 Esta descentralización fomenta a competencia entre provincias e grandes cidades, o que constitúe un primeiro círculo de competencia. Ademais, as empresas compiten no mercado, tanto internamente como co resto do mundo, o que constitúe o segundo círculo. Debido a esta dobre competencia, as empresas non só evolucionan constantemente, senón que tamén existe un gran dinamismo no panorama económico.

 Por exemplo, sempre hai algunha provincia que aplica unha nova política que resulta moi eficaz e lle dá vantaxe sobre outras rexións. A continuación, outras rexións copian esa iniciativa.

 O papel do goberno central consiste principalmente en fixar obxectivos xerais e xestionar os recursos humanos. Isto último é moi funcional porque os funcionarios locais saben que se obteñen mellores resultados que os seus homólogos, estarán en condicións de ser ascendidos polo goberno central.

 Noutras palabras, neste modelo hai espazo para (bastante) iniciativa privada dentro dun funcionamento definido do mercado. Obsérvese que o mecanismo de mercado se tolera e fomenta sempre que non interfira cos obxectivos económicos e sociais (da planificación conxunta a longo prazo ). Ou, como di Rana Foroohar, redactora en xefe do Financial Times: "O libre mercado sempre está ao servizo do Estado, non ao revés".

 Neste senso, o modelo chinés difire claramente do da Unión Soviética onde todo se planificaba practicamente até o último detalle, e case toda a produción era estatal e a competencia era escasa ou inexistente.

 É indubidábel que o que a Unión Soviética logrou economicamente nos seus primeiros 60 anos non ten parangón, pero coa eliminación do mecanismo de mercado, case non había incentivos económicos para que os produtores producisen de forma económica, rendíbel ou cualitativa. En China lograron superar esta deficiencia.

  1. Flexibilidade.

 Os comunistas chineses teñen unha actitude pragmática e realista en política económica. O obxectivo fundamental desde finais dos anos setenta foi responder as circunstancias cambiantes con fluidez, e ampliar e modernizar as forzas produtivas. O modelo de entón baseábase nas exportacións e no investimento en industria pesada, construción, manufacturas e infraestruturas.

 Desde que Xi Jinping asumiu o poder hai uns dez anos, a forza motriz do novo modelo foi o aumento da riqueza (mercado interno), o incremento do sector servizos e un maior valor engadido mediante o ascenso na escala tecnolóxica.

Completamente errado

 A receita chinesa contrasta moito coa dos países capitalistas. No capitalismo son as multinacionais e o capital financeiro os que determinan todo. Neles o beneficio a curto prazo é o obxectivo primordial. E neles os gobernos teiman en eliminar os déficits fiscais mediante recortes.

 Típico da formulación chinesa é o modo espectacular en que afrontaron a crise financeira de 2008-2009. O goberno chinés puxo en marcha un programa de estímulo do 12,5% do PIB, probabelmente o maior programa na historia en tempos de paz. A economía chinesa apenas sufriu unha contracción, mentres que a europea estivo contra as cordas durante unha década.

 O eurocentrismo e a obstinada compracencia fixeron que Occidente errase por completo ao xulgar a economía e a sociedade chinesas. Cando os Estados Unidos e os países occidentais permitiron a China entrar na Organización Mundial do Comercio en 2001, deuse por sentado que China chegaría a ser coma nós. Ao se integrar no mercado mundial, os chineses abandonarían o socialismo e abrazarían o capitalismo.

 Mais parece que está a ocorrer o contrario. China mantivo o seu rumbo socialista e tamén conseguiu que as nosas economías se parezan máis ás súas. Tanto Europa (co Green Deal) como Estados Unidos (coa Inflation Reduction Act) abandonaron a súa formulación de laissez-faire e pasaron hai uns anos a unha auténtica política industrial, caracterizada por centos de miles de millóns de subvencións, algo que sempre reprochamos aos chineses. Cambia, todo cambia...

Europa?

 Pero non só hai imitacións. Hoxe, os Estados Unidos fan todo o posíbel por sabotar o progreso económico chinés. Non só nega a China o acceso a determinadas tecnoloxías, senón que tenta socavar industrias enteiras, entre outras cousas impedindo a exportación de chips de alta tecnoloxía a China.

 Jake Sullivan, asesor de seguridade nacional dos Estados Unidos, afirmou nun discurso que o seu goberno quería obstaculizar as capacidades de China en "tecnoloxías fundamentais" como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía e a enerxía limpa, para permitir aos Estados Unidos manter a maior vantaxe posíbel na loita contra o cambio climático.

 Nesa guerra económica Washington tenta arrastrar os aliados occidentais, algo que non resulta obvio. As economías occidentais están fortemente entrelazadas con China e en moito sentidos Occidente necesita a China, máis que ao revés. Por exemplo, sen a axuda de China Europa non pode alcanzar os seus obxectivos climáticos.

 Os custos dunha guerra comercial poderían ser moi elevados. Sen as exportacións e a produción baratas de China, haberá importantes presións inflacionistas nos países industrializados, especialmente á luz do cambio a tecnoloxías máis limpas.

 Segundo o FMI, o custo da "desvinculación" económica de China e a opción do proteccionismo podería ascender a un alarmante 7% do PIB mundial, o que equivalería a máis de 7.000 mil de millóns de dólares actuais. Isto supón 35 veces o total da axuda oficial ao desenvolvemento e 3,5 veces o que se necesita anualmente para facer realidade a transición enerxética.

 Unha guerra comercial con China levará inevitablemente a medidas de represalia. Á parte das grandes perdas financeiras potenciais pola perda de exportacións a China, o país tamén ten bens esenciais dos que dependemos en gran medida.

 Por exemplo, o 90% dos imáns especializados necesarios en motores de vehículos eléctricos, xeradores de turbinas eólicas e sistemas de guiado de mísiles fabrícanse en China. Ademais, China procesa o 72% do cobalto e o 61% do litio do mundo, dous minerais esenciais para a produción de coches eléctricos.

 Por último, é probábel que as sancións estadounidenses provoquen exactamente o efecto contrario ao que Washington tiña en mente e animen a China a acelerar o desenvolvemento das súas industrias estratéxicas. Iso está xa ocorrendo agora no campo dos semiconductores e chips.

 A cuestión é se Europa se vai deixar arrastrar por esta nova lóxica de Guerra Fría, prexudicial para ela mesma. Europa está máis exposta a China desde o punto de vista económico que os Estados Unidos. Por exemplo, China é o maior socio comercial de Alemaña e un mercado fundamental para as empresas industriais alemás. O centro de gravidade da economía mundial desprázase cada vez máis cara a Asia, con China como locomotora. Para Europa sería moi imprudente desaproveitar ese impulso de crecemento.

 Europa vese nunha importante encrucillada histórica. Deixarase arrastrar nunha guerra comercial destrutiva iniciada polos Estados Unidos ou logrará elixir o seu propio rumbo autónomo e construír unha relación económica construtiva con China baseada no beneficio mutuo? Hai moito en xogo.

_____________________________________________________________________________

Fontes:

Yifu Lin J., Demystifying the Chinese Economy, Cambridge 2012

Hsueh R., China’s Regulatory State. A New Strategy for Globalization, Londres 2011

Herrera R. & Zhiming Long., A Chine est-elle capitaliste ?, Paris 2019

Marsh C., Unparalleled Reforms. China’s Rise, Russia’s Fall, and the

Interdependence of Transition, Lanham 2005

Dickson B., Ted Capitalists in China. The Party, Private Enterpreneurs and Prospects for Political Chance, Cambridge 2003

Minqi Li, The Rise of China and the Demise of the Capitalist World

Economy, Nova York 2008

Minqi Li, China and the 21st Century Crise, Londres 2016 Delaunay J., Lles Trajectoires chinoises de modernization et de développement. De l’Empire agro-militaire à l’État-Nation et au socialism, Paris 2018

Bickers R., Out of China. How the Chinese Ended the Era of Western

Domination, Londres 2017

Ross J., China’s Great Road. Lessons for Marxist theory and socialist practices. Articles 2010-21, Nova York 2021

Larcy N., The State Strikes Back. The End of Economic Reform in

China? Washington 2019

Mahbubani K., Has China Won? The Chinese Challenge to American Primacy, Nova York 2020.

_____________________________________________________________________________

Artigo orixinal:

https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2024/02/20/waarom-doet-dechinese-economie-het-zo-goed-en-waarom-is-dat-een-goede-zaak/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 9 de marzo de 2024]