"Por solidariedade e responsabilidade fixemos as accións do día 28, para que a clase obreira non sexa quen pague os custes desta crise"

A CIG diríxese ao alcalde de Ferrol para que adopte as medidas oportunas polo chío da policía local
Ferrol - 01 Mai 2020

O pasado 28 de abril, con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde Laboral, a CIG realizou protestas simbólicas diante de centros de traballo e polígonos industriais para esixir medidas de protección para a clase traballadora. As accións realizáronse por pequenos grupos de 10 ou 12 persoas e respectando as correspondentes medidas de seguridade. O estado de alarma non suprime dereitos fundamentais como o de manifestación, mais a Policía Local de Ferrol, non só procedeu a identificar os compañeiros e compañeiras que participaron na protesta, senón que dende o seu perfil oficial en twitter acusaron a CIG de irresponsabilidade e falta de empatía, nunha actuación que "claramente extralimita as súas funcións".

A raíz destes feitos, a Unión Comarcal da CIG de Ferrol remitiu un escrito ao alcalde da cidade (na súa condicións e máximo responsábel do servizo) pedindo que se adopten as medidas oportunas ante esta extralimitación de funcións. O secretario comarcal, Manuel Anxo Grandal, subliña que se realizou a concentración do pasado día 28, "facendo uso dun dereito constitucional e cumprindo as normas impostas polo estado de alarma que estamos a vivir, que non implica en ningún caso a prohibición do dereito a manifestación, e nun número reducido de 10 persoas".

Accións para denunciar a falta de seguridade para quen traballa

Con esta acción queríase denunciar a situación de moitos traballadores e traballadoras, obrigadas a incorporarse os seus postos sen as medidas de seguridade adecuadas ou mesmo sen elas en moitos dos casos, con falta de EPIS, de protocolos, etc.

"Sorprendentemente, sinala, fomos identificados/as pola Policía Local na 'realización do seu traballo', pois como ben nos comentaron 'reciben ordes'". Pero a maior sorpresa chegou coa publicación dun chío da Policía Local, "no cal se nos acusa de "falta de responsabilidade" e de "non respectar as normas de confinamento", así como falta de empatía e solidariedade".

A este respecto, Grandal destaca que "sen ningún tipo de dúbida ou titubeo a CIG empatiza, e moito, con todas as persoas que están a sufrir a crise sanitaria en primeira persoa, e con todas as que sofren as consecuencias laborais e económicas que viñeron con ela". E precisamente, apunta, para defender unha saída da crise favorábel á clase obreira, "ás persoas que están dándoo todo nesta crise, e contra os intereses do capital que veñen en sentido contrario e con moita forza, debemos facer públicas as nasas denuncias e reivindicacións sociais".

Así que, asevera o secretario comarcal da CIG de Ferrol, precisamente "por empatía, por solidariedade, e sobre todo por responsabilidade, fixemos unha acción simbólica, limitada e en perfectas condicións de seguridade, sen poñer en risco a ninguén, e en exercicio de dereitos fundamentais aos que non estamos dispostos a renunciar". "Non corresponde a policía xulgar o feíto, senón unica e exclusivamente dar canto del as autoridades correspondentes".