Por un monte galego con futuro e contra o cambio climático

Nacional -

No actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, como reservorios de carbono mais tamén como fornecedores de servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión entre outros.

Porén, no borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido. Ademais, o Plan Forestal que tramita a Xunta de Galiza promove a ocupación de 35.000 hectáreas máis de eucalipto sobre un exceso, que xa hai, de 300.000 ha con respecto á planificación anterior.

Así o denuncian organizacións sindicais (entre elas a CIG), organizacións ecoloxistas e do mundo rural que, con ese motivo, teñen convocada unha manifestación nacional para o vindeiro día 20 de outubro, en demanda de que as Administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático; en demanda da anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e contra a privatización dos montes veciñais en man común.

Unha mobilización da que serán antesala as que se convoquen na xornada mundial polo clima, prevista para o día 27 de setembro. Porque na Galiza, a loita contra o cambio climático pasa por defender, entre outras cuestións, outra xestión do monte acorde coa actual emerxencia climática e a perda de biodiversidade.

Volver