Por unha enerxía ao servizo do pobo galego

A recollida de sinaturas en apoio da ILP entre na súa fase final

Nacional -

A recollida de sinaturas para levar ao Parlamento a ILP de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, impulsada pola CIG, entra na fase final. O prazo para a súa presentación remata no mes de xullo e a central sindical anima a asinala para reclamar que a Xunta de Galiza recupere as concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que ten competencias, para fins de utilidade pública e interese social e que pase a ser xestionado directamente, ou a través de empresas mixtas, o aproveitamento público destes recursos.

O sector enerxético é estratéxico para Galiza. Temos 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica, cunha produción, nun ano normal, de aproximadamente un 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios, que nos sitúa á cabeza. 

A CIG defende a necesidade de poñer en marcha medidas para garantir que a enerxía sexa un auténtico servizo público

Somos pois subministradores de enerxía eléctrica para o resto do Estado e malia os custos sociais e ambientais do seu espolio, os nosos recursos non están ao servizo nin do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial. Por iso a CIG defende a necesidade de pór en marcha iniciativas reais para garantir que sexa un auténtico servizo público que reverta no desenvolvemento económico e industrial do noso país, permita a creación de postos de traballo e combata a pobreza enerxética.

A central sindical lembra que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola administración pública galega”.

Concesións desde o século XIX

Hai centrais hidráulicas cuxa concesión data do século XIX e que aínda hoxe seguen en mans privadas, logo de sufrir varias renovacións de concesións neste tempo. É o caso da concesión da central hidráulica de Fecha, no río Tambre, en Trazo, que foi concedida en 1895, s. XIX, e que vencía en 2017, pero foi ampliada en 2016 a través do subterfuxio de ampliación de potencia. Subterfuxio ao que “recorren as empresas eléctricas cando ven que lles vai rematar a concesión” e que consiste en “solicitar unha ampliación de potencia ou de caudal” para ir enlazando progresivamente os anos de concesións.

Por iso a CIG defende, a través desta ILP, reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

O constante incremento dos prezos da electricidade “demostra que o actual marco regulatorio e tarifario común está sometido aos desexos das empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio”. Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen denuncia que isto “coloca na incerteza o futuro de moitos postos de traballo, provoca o aumento de familias que non poden pagar as facturas da enerxía e impide un desenvolvemento industrial en Galiza que cree postos de traballo e free a sangría da emigración”.

O plan de peche de Alcoa para a fábrica da Coruña é para a CIG “unha das máis claras, dramáticas e actuais manifestacións” desta situación. Está en risco unha factoría con preto de 400 postos de traballo, nun sector estratéxico como o do Aluminio. Máis tamén Ferroatlántica (que teima en especular coas centrais hidroeléctricas que explota) ten formulados ERTEs e pende a ameaza sobre o complexo industrial de Alcoa San Cibrao.

Unha situación que revela a urxente e inaprazábel necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa, que pasa pola aprobación dun estatuto do consumidor electrointensivo que rache coa incerteza que provoca a poxa do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base.

Rescate dos saltos hidráulicos

Por iso a central sindical propón a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos, que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

Volver