Por unha Europa dos pobos contra a UE fortaleza do capitalismo

Eric Toussaint - 25 Mar 2024

Hai que desintegrar esta Europa do Gran Capital e substituíla por outra Europa ao servizo dos pobos. Será necesario un proceso constituínte autenticamente democrático e a partir das bases

 A Unión Europea tivo a súa orixe na CECA, a Comunidade Económica do Carbón e do Aceiro, e posteriormente a Comunidade Económica Europea (CEE) e o «Mercado Común». A construción europea estivo fundamentada na idea da primacía do mercado capitalista, da produción industrial no interese da gran patronal, e non no dos traballadores e as traballadoras, nin no dos pobos que constitúen Europa.

 A UE é unha estrutura ante todo económica que ten por obxectivo ampliar o máximo posíbel o mercado común no que as empresas poden vender os seus produtos… así como explotar e facer competir os asalariados, aproveitando as diferenzas salariais (o salario mínimo legal bruto en Bulgaria é de 330 euros, ou sexa, seis veces menos que en Bélxica e en Francia que ascende aos 2.000 euros), ademais de estatutos e conquistas sociais. A lóxica da UE é ser competitiva no mercado mundial, con respecto aos baixos salarios de China, por exemplo, o que implica levar á redución dos salarios e dereitos sociais europeos, conquistados mediante longas loitas.

 Ademais, as empresas en calquera país da UE poden empregar a traballadores e traballadoras que teñen por exemplo un contrato búlgaro ou polaco, co salario mínimo do país respectivo. As diferenzas de salarios, os diferentes sistemas de protección social e as diferentes fiscalidades (impostos e taxas) permiten aos patróns presionar os seus traballadores e traballadoras ameazando coa deslocalización das empresas e coa importación de produtos que fan competencia e dumping aos produtos locais.

 A UE non só impón obrigas en termos de «libre competencia» senón tamén mediante normas sobre a débeda pública. Pódese mencionar a famosa norma que limita ao 3% o déficit público e ao 60% a relación entre débeda pública dun Estado e o seu PIB. Esas normas restritivas dan instrumentos aos gobernos de diferentes países para impor a austeridade e a desregulamentación, especialmente na privatización dos servizos públicos e nos ataques aos dereitos e ás conquistas sociais.

 Haberá eleccións para elixir o Parlamento Europeo, entre o 6 e o 9 de xuño de 2024, nos 27 Estados membros da UE. É importante participar nas eleccións europeas e estudar os programas propostos polos diferentes partidos. Ao mesmo tempo, debemos ter claro que o Parlamento Europeo non é equivalente a un parlamento nacional: ten moito menos poder, e é a Comisión Europea e o Consello Europeo os que elaboran os tratados e as normas de funcionamento.

 Outro factor político importante é o peso dos lobbies que representan ás grandes sociedades transnacionais, que non son soamente europeas. O poder que eses lobbies teñen sobre a Comisión Europea e os seus comisarios é moi importante, e tamén o é sobre os parlamentarios europeos como o demostrou o escándalo do «Catargate», no que estiveron involucrados parlamentarios e parlamentarias de Bélxica, Grecia e Italia. Vimos até que punto os Estados e as empresas privadas tratan de comprar, de corromper e de influír as decisións para que estas lles sexan favorábeis.

 Podemos citar as Big Pharma que pesaron sobre as decisións tomadas pola UE sobre as vacinas contra a Covid-19. Vemos o mesmo sobre as decisións tomadas en relación ás praguicidas e herbicidas perigosos para a saúde pública: nese marco, Úrsula von der Leyen decidiu a non aplicación dunhas medidas xa contempladas, que, de todos os xeitos, eran insuficientes para ese problema. Foi unha vitoria para as grandes compañías como Monsanto, Syngenta, etc. A presidenta da Comisión Europea usou como pretexto as reivindicacións do agro, mentres que, en realidade, se tiveron en conta os intereses das multinacionais privadas.

 No que concirne a Europa como «potencia», a UE móstrase incapaz ou rexeita actuar de maneira positiva na política internacional sobre conflitos extremadamente graves, xa sexa en territorio europeo, xa sexa en lugares próximos a Europa. O peso da UE con respecto a un conflito tremendamente grave en Ucraína, como resultado da invasión rusa a ese país, é moi débil xa que todo está determinado pola situación subordinada que ten Europa no seo da OTAN. Nesa alianza, son os Estados Unidos os que toman a maioría das decisión sobre o curso da guerra ou a existencia ou non de negociacións para lle pór fin. O que é seguro é que os e as dirixentes europeos/as se aproveitan desta guerra para alentar o aumento dos gastos militares e para reforzar o complexo militar-industrial europeo. En Palestina, son tamén os Estados Unidos os que apoian directamente a Israel e, atrás deles, a UE fai o mesmo. Europa deixa que Israel prosiga unha política xenocida contra o pobo gazatí, un reforzo das colonizacións ilegais e a medidas brutais contra o conxunto do pobo palestino. A UE négase a suspender os acordos comerciais e culturais co Estado de Israel, que practica o apartheid e a destrución do pobo palestino.

 A UE exerce un forte poder cando se trata de se comportar como Europa Fortaleza: nesa fase, a UE emprega grandes medios e ten un orzamento moi elevado para a Frontex (Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas), con helicópteros, avións, buques, numeroso persoal, todo para impedir que as e os candidatos/as a refuxiados/as e, en xeral, as e os migrantes cheguen ao territorio europeo.

 A UE asina tamén acordos de asociación económica con países ou, con frecuencia, conxuntos rexionais: a comunidade de África Occidental (CEDEAO), a comunidade andina ou o MERCOSUR (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), actualmente en negociacións. Eses acordos impoñen, xeralmente, aos países ou aos conxuntos de países, a apertura máxima aos intereses das empresas europeas. A cambio, a UE abre a súa economía a países onde as regras fitosanitarias non son de todo iguais que en Europa, tales como Brasil e Arxentina, principais produtores de soia transxénica para alimentar ao gando. Por exemplo, esa realidade foi denunciada, con toda xustiza, polos campesiños e campesiñas actualmente en loita e cuxos produtos están en «competencia» cos produtos dos grandes exportadores das poderosas agroempresas, arxentinas ou brasileiras, no caso do acordo co MERCOSUR. Eses acordos favorecen os intereses dos grandes importadores europeos pero prexudican os pequenos produtores locais tanto nos países do Sur Global como de Europa.

 Ao comezo da crise da COVID, Mario Draghi, que acabara o seu mandato á cabeza do BCE a fins de 2019, declarara, coa súa recente sucesora Christine Lagarde, que era necesario aumentar a débeda pública para facer fronte á pandemia. Pero gardouse de propor que o custo da loita contra a pandemia e os seus múltiples efectos a pagasen as grandes empresas privadas que se beneficiaban da crise: o Big Pharma, as GAFAM, as cadeas de distribución. Para convencer a opinión pública para que non cuestionase a maneira de financiar a necesaria loita contra a pandemia, os e as dirixentes europeos/as suavizaron temporalmente as normas orzamentarias. Agora que a débeda pública aumentou fortemente e que o custo do seu refinanciamento explotou debido ao aumento dos tipos de xuros, os mesmos e as mesmas dirixentes anuncian a profundación das medidas de austeridade afirmando que a débeda pública alcanzou un nivel insostíbel. Sempre hai que denunciar enerxicamente estas políticas de austeridade e loitar pola anulación das débedas públicas ilexítimas.

 Tamén cómpre reflexionar en termos dunha refundación de Europa. Necesitamos, evidentemente, unha estrutura europea pero non esta que construíu a UE, coa zona euro, etc. Hai que desintegrar esta Europa do Gran Capital e substituíla por outra Europa ao servizo dos pobos. Será necesario un proceso constituínte autenticamente democrático e a partir das bases. Iso tería que pasar tamén por eleccións democráticas con sufraxio universal para elixir os e as delegados/as a unha Constituínte europea. Eses e eses parlamentarios/as terían, por tanto, o poder de elaborar unha nova constitución da UE e dotala de estruturas verdadeiramente democráticas, cun verdadeiro Parlamento dotado de poder lexislativo. A proposta dun novo tratado constituínte debe ser sometida a un gran debate e logo a un referendo con sufraxio universal en todos os países, antes de considerarse aprobada. A nova Europa dos pobos debería ser verdadeiramente solidaria con respecto aos pobos do Sur Global, e pagar as reparacións polo saqueo económico, polas violacións dos dereitos humanos provocados polos gobernantes e as grandes empresas europeas desde hai séculos até hoxe mesmo, polos danos ecolóxicos catastróficos causados polas políticas estimuladas pola UE… É necesaria unha Europa feminista, ecolóxica, socialista, internacionalista e pacífica.

 

[Artigo tirado do sitio web do CADTM, do 21 de marzo de 2024]