Por unha nova lexislación laboral e social

Unha delegación da CIG mantivo unha xuntanza coa ministra de Traballo en Madrid

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse o pasado mércores día 12 de decembro en Madrid coa ministra de Traballo, Magdalena Valerio.

A delegación da CIG denunciou o enorme retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora galega en materias como contratación, despedimento, xornada, salario ou mesmo cumprimento, ou negociación, dos convenios colectivos. Ante isto demandou unha nova lexislación laboral e social, en materia de negociación colectiva, de seguridade social e de formación continua, ademais da derrogación tanto das “contrarreformas laborais” como das pensións públicas, entre outras cuestións. 

Os representantes da central insistiron na necesidade de derrogar as contrarreformas laborais e das pensións

Na xuntanza -concedida logo de reiteradas peticións que non foron contestadas, da denuncia da actitude do Ministerio cando Valerio visitou Galiza e se limitou a convocar a patronal, CCOO e UGT e tras se facer pública unha carta na que se lle reprochaba esta actitude- o secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que “o Goberno non pode seguir negando a existencia dunha realidade sindical plural, imparábel e incontestábel” en Galiza, onde a CIG é a primeira forza en representación, afiliación, capacidade mobilizadora e incidencia.

Diálogo social

Así mesmo cuestionou que se “confunda, perverta e simplifique ao nocivo diálogo e concertación social, as necesarias e razoábeis relacións entre os gobernos e as organizacións sindicais”.

Os representantes da CIG solicitaron ademais da ministra, e por extensión do Goberno, que se impliquen e leven adiante actuacións urxentes e inmediatas na defensa do futuro das fábricas de Alcoa, na resolución do conflito dos mariñeiros de Long Hope e dos emigrantes retornados/as e urxiron a que o Consello de Ministros/as aprobe dunha vez o indulto de Carlos e Serafín, que demandaron á maior brevidade posíbel.

Volver