Por unhas pensións dignas e un sistema público de atención ás persoas

O colectivo de persoas xubiladas da CIG mobilizouse en seis cidades galegas

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse este xoves día 1 na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo na defensa dunhas pensións públicas dignas e garantidas e para esixir un sistema público galego de atención ás persoas. As protestas, realizadas diante de edificios administrativos do Goberno español e da Xunta de Galiza, repetiranse con carácter mensual até finais de ano.

Dende o colectivo advirten que a crise económica derivada da crise sanitaria está a servirlle de escusa á UE para esixir reformas das que o sistema público de pensións é obxectivo principal. A diario publícanse informacións sobre medidas que se pretenden implantar baixo a suposta inviabilidade do sistema e que suporán a prolongación da vida laboral e unha maior dificultade no acceso á xubilación. 

As pensións galegas continúan a ser as segundas máis baixas de todo o Estado

Tamén denuncian que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado, e que máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros. E a precariedade das pensións das mulleres galegas, que de media perciben case 300 euros menos que un galego. Ademais, das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.

Por iso unha das reivindicacións da CIG é a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que debera estar no 60% do salario medio) e a revalorización anual como mínimo co IPC.

Outra das reclamacións é a creación dun sistema público galego de atención ás persoas por parte da Xunta para aglutinar as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as persoas vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Poucos recursos

A pandemia evidenciou os escasos recursos que se destinan a estes servizos, así como a nefasta xestión nos centros privatizados ou privados. Malia termos unha poboación envellecida e con pensións cativas, só un 25% das residencias para maiores ou dependentes son de titularidade pública, e incluso sumando públicas e privadas só hai 3 prazas por cada 100 maiores de 65 anos. No caso dos centros de día, só 86 dos 313 concellos galegos contan cun servizo público deste tipo, sendo 15 deles de titularidade municipal. 

Preto de 8000 persoas seguen sen recibir a prestación de dependencia que teñen recoñecida

A isto hai que sumarlle a disparidade dos servizos de axuda no fogar que, sendo competencia da Xunta, estanse derivando dende hai anos aos Concellos, o que supón que en cada Administración local se oferta de xeito diferente, pero sempre cunhas condicións precarias para as traballadoras/es.

Ademais, preto de 8000 persoas seguen sen obter a prestación de dependencia que teñen recoñecida.

Esta falta de recursos públicos leva a que moitas persoas non poidan acceder aos servizos de atención, condenando unha vez máis as mulleres a seguiren exercendo de coidadoras con tripla xornada.

Por iso é necesario un cambio radical nas políticas de atención ás persoas e no modelo de xestión, o aumento nos orzamentos destinados á atención á dependencia, o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias e incorporar o servizo de axuda no fogar a un ente público galego para rematar coas miserentas condicións laborais e salariais das empregadas/os.

Volver