Cervo - 27 Dec 2021

Este luns tivo lugar asemblea de traballadores e traballadoras de Alcoa San Cibrao para informar e valorar a última proposta de cese temporal da produción trasladada pola empresa, que será sometida este martes 28 de decembro á votación do persoal.  Dada as consecuencias que ten esta decisión sobre o futuro da fábrica e dos empregos, a CIG defende que no referendo tamén deberían participar os compañeiros e compañeiras das auxiliares, para quen Alcoa non ofrece ningún tipo de garantías de que non se lles aplicarán ERE.

Na súa intervención na asemblea, o voceiro da CIG en Alcoa, Xosé Paleo, criticou o abandono das administracións española e galega que logo de meses de non atreverse a pór en marcha as solucións necesarias para garantir a continuidade produtiva e o mantemento dos empregos, apostando por unha intervención pública das instalacións, descargan agora no persoal toda a responsabilidade “da decisión de aceptar a parada das series coas condicións de Alcoa ou a seguir na loita".