Povisa quere un novo convenio para precarizar as condicións laborais dos futuros empregados/as

A CIG anunciou que non aceptará ningunha rebaixa salarial nin a eliminación de días libres
Vigo - 21 Dec 2018

A dirección do hospital Povisa de Vigo anuncioulle hoxe ao comité de empresa a súa intención de negociar un novo convenio colectivo que reduza os salarios dos traballadores/as que se incorporen ao centro sanitario no futuro. Dende a CIG anunciaron hoxe na rolda de prensa ofrecida pola representación dos traballadores/as que se oporá a calquera intento de precarizar aínda máis as condicións laborais do cadro de persoal e que fará o que sexa necesario para evitalo.

A razón esgrimida pola dirección de Povisa é que os empregados/as vigueses/as cobran máis que o persoal doutros hospitais privados, situación que ao seu xuízo “non se pode manter”. A voceira da CIG, María Xesús Neira, rexeitou este argumento e anunciou que se oporán a calquera intento da empresa de rebaixar os soldos.

Os plans da compañía fóronlle trasladados ao comité hoxe mesmo no transcurso da xuntanza mantida coa xerente e co director xeral para abordar o recente acordo entre Povisa e o Sergas, que segundo a empresa permitirá retirar o preconcurso de acredores anunciado recentemente. “Aseguraron que é necesario realizar axustes, xa que na súa opinión os traballadores/as temos moitos días libres por convenio”, indicou Neira.

Reunión tensa

Neste senso, denunciou que o cadro de persoal vai quedar fóra deste acordo, xa que a súa situación laboral non só non vai mellorar senón que vai empeorar. “Van ter o seu concerto, que non vai ser tan malo e que lles vai permitir obter beneficios, mentres nós imos estar máis precarizados/as”. Ao mesmo tempo, amosou a súa preocupación pola posibilidade de que finalmente se poidan producir despedimentos, xa que "ninguén nos asegura o contrario".

Na reunión vivíronse momentos de tensión cando a representante da CIG asegurou non crer as afirmacións do director xeral de Povisa no sentido de que o acordo co Sergas se asinou no último momento, e que até dous días antes a intención da empresa era presentar un concurso de acredores. Ademais, Neira quixo deixar claro que a central non vai negociar ningún acordo laboral á baixa nin vai renunciar aos días festivos que establece o actual convenio. Despois disto o director xeral amosou o seu enfado e abandonou a xuntanza.