PP e PSOE votan en contra da construción dun novo dique de reparacións en Navantia Ferrol
A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol subliña que continuará a defender a demanda dun dique de reparacións para o estaleiro e cualifica de "traizón" a Ferrolterra a negativa de PP e PSOE a apoiar no pleno do parlamento unha proposición non de lei para que o Goberno galego colabore coa SEPI no cofinanciamento e desenvolvemento dun centro de reparacións en Navantia Ferrol.
O departamento de reparacións, apunta a sección sindical da CIG, constitúe un "colchón de traballo" tanto para Navantia como para a industria auxiliar "e así foi historicamente, sendo ademais unha gran fonte de recursos para outros sectores de actividade" na comarca.
Denuncian que tanto o PP como o PSOE son conscientes desta realidade, "e o máis grave é que tamén o son de que se non se afronta a inversión nun novo dique imos quedar fóra do mercado, así como que se están rexeitando barcos, por falta de capacidade, e desviando outros a Cádiz, dous no que vai de ano". Na propia lei de construción naval de 2010 da Xunta de Galiza recóllese textualmente que “non ten sentido que non se articule un gran centro de reparacións na ría de Ferrol”.
Para a representación con este voto negativo evidénciase unha vez máis que tanto PP como PSOE teñen clara a súa aposta polo centro de Cádiz "e o máis vergoñento aínda é que teñen os parabéns do Goberno galego, co Feijoo á cabeza, o cal non pode ser máis esperpéntico".
Neste senso, lembran que en marzo de 2009 Feijóo presentou o “Contrato por Ferrol”, no que establecía como un dos seus 13 compromisos a creación, xunto coa SEPI, dun gran centro de reparacións co que prometía crear 2000 postos de traballo. Ademais, o 14 de setembro de 2011 aprobouse por unanimidade no Parlamento galego unha proposición non de lei que insta a Xunta ao cofinanciamento dun centro de reparación e a impulsar a construción dun novo dique. Mesmo se aprobaron partidas orzamentarias para esta obra que a día de hoxe segue sen executarse.
Na mesma liña, a comisión de industria do parlamento español aprobou no seu día por unanimidade “concretar un plan de inversión destinado a modernización das infraestruturas, talleres de prefabricado, dique para novas construcións e dique para reparacións”.
A última promesa chegou en maio de 2021, no medio de fortes mobilizacións na comarca, cando a Xunta presentou o Pacto de Estado por Ferrol, que recolle textualmente na proposta de liñas de actuación a “potenciación da área de Reparacións e Carenas de Navantia Ferrol, incluíndo a construción dun novo dique específico para Reparacións”.
Porén, malia todos os compromisos e iniciativas aprobadas as instalacións de Navantia Ferrol seguen sen contar con esta infraestrutura tan necesaria para garantir que o estaleiro poida seguir accedendo ao mercado de reparacións. Diante disto, a sección sindical chama a reclamar a construción do novo dique para reparacións porque "ou nos defendemos nós ou ninguén virá salvarnos".