Preacordo entre sindicatos e patronal do Transporte

No caso de que as asembleas de traballadores/as ratifiquen os termos, a folga quedaría suspendida
Nacional - 13 Xul 2017

Sindicatos e patronal do Transporte veñen de acadar un preacordo polo que se recupera o Marco Galego de Negociación e a creación de comités provincias para discutir os convenios de cada provincia. Os avances deses comités pasarán despois ao Marco Galego e terán que ser posteriormente ratificados polas asembleas. Se as asembleas de traballadores/as, que se celebrarán este xoves, ás 9:00 horas, ratifican os termos deste preacordo, a folga indefinida será suspendida até o día 19, data na que se debatirán os avances da negociación dos convenios. Isto implica que até ás 9:00 horas, e en función do que se decida nas asembleas, a folga continúa.

O acordo di literalmente:

  1. Co obxectivo de cumprir a encomenda que a propia Mesa Galega do Sector do Transporte de Viaxeiros por Estrada se deu o 4 de xullo de 2017, acórdase impulsar a negociación das subas salariais.
  2. Esta Mesa entende que é o seu ámbito, e non outro, o que debe presidir dita negociación, recoñecéndose as partes reflectidas plena lexitimidade e capacidade para a negociación no ámbito galego de transporte de viaxeiros por estrada.
  3. A Mesa Galega acorda a creación de catro Comisións Delegadas provinciais, dependentes e integradas nesta Mesa, que deberán aboradr a revisión das táboas salariais vixentes en cadaun dos Convenios Provinciais de Viaxeiros por Estrada, sobre a base dos seguintes criterios de actuación:
    1. Compromiso de suba salarial: A Mesa Galega do Sector do Transporte de Viaxeiros por Estrada pola presentne acorda trasladar as Comisións Delegadas provinciais este compromiso de que a revisión das táboas salariais será dun 2% a partir de hoxe.
    2. Calendario de reunións:
      1. Xuntanzas das comisións provinciais: As comisións delegadas reuniranse unha vez por semana, como mínimo, dentro das seguintes datas: 17 ou 18 de xullo, 26 de xullo (en xornada de mañá e tarde), 31 de xullo e 1 de agosto.
      2. Xuntanzas da Mesa Galega: A Mesa Galega, como mesa que ten acadado acordo defintivo, reuniranse os días 19 e 27 de xullo e 2 de agosto en horario de mañá e tarde.

O presente Preacordo, unha vez ratificado polas Asembleas de traballadores/as, suporá a suspensión da folga iniciada en data 20.06.2017, en principio, ata a primeira xuntanza da Mesa Galega en data 19 de xullo. Dita suspensión deberá ser ratificada pola parte social, para o seu mantemento, trala celebración de cada unha das xuntanzas da Mesa Galega do Sector do Transporte de Viaxeiros por Estrada.