"Pregos esquecidos, dereitos perdidos"

O persoal de Albada prosegue mobilizacións para demandar ao Concello que se faga cargo da planta
- 06 Mai 2021

A Praza de María acolleu este xoves unha nova concentración de traballadores e traballadoras de Albada (do grupo Urbaser) para esixir axilidade na elaboración dos pregos e que o Concello da Coruña se faga cargo da planta de tratamento de residuos de Nostián e do persoal ante o evidente deterioro das instalacións e dos dereitos laborais.

A protesta desenvolveuse coincidindo coa celebración do pleno municipal e durante a mesma berráronse consignas relativas á situación da planta, ao atraso nos pregos, á perda progresiva dos dereitos laborais e salariais ou referentes aos incumprimentos de Albada en canto aos niveis de reciclaxe e a falta de mantemento das instalacións.

Neste senso, o delegado da CIG, Hadrián Canosa, insiste na necesidade de que o Concello da Coruña se faga novamente cargo da planta e dos traballadores/as xa que "segundo as previsións do goberno municipal os pregos non estarán listos até finais de 2022 ou principio de 2023, pero as instalacións, nas condicións actuais, non son sostíbeis até esa data.  "Cada día que pasa a planta estase deteriorando máis e o risco para o persoal aumenta", advertiu.

O representante do persoal salienta que Albada é a responsábel de adoptar as medidas preventivas e correctoras para garantir o funcionamento da planta e a seguridade dos traballadores/as, pero responsabiliza ao Concello de "ser cómplice da empresa se lle permite que non repare as instalacións nin faga o mantemento necesario".

Nesta liña lembra que Albada (que está en situación de prórroga forzosa) aínda non acometeu o selado do vertedoiro, malia existir unha sentenza condenatoria a este respecto, e non está cumprindo cos niveis de reciclaxe por falta de persoal nas liñas e polo deterioro e avarías continuadas da maquinaria.

Dende o colectivo de traballadores e traballadoras defenden o modelo de Nostián pero advirten da estafa que supón para toda a cidadanía permitir que a empresa leve máis de 20 anos sen cumprir cos niveis de recuperación e reciclaxe establecidos nos pregos e atentando contra os dereitos laborais e salariais do seu persoal.